Explora o espazo, fala con makers, participa en talleres… desde o salón da túa casa!

Se hai algo que caracteriza ás Maker Faire é poñer en valor a democratización da innovación e a fabricación dixital. Este ano, debido á situación derivada do Covid-19, a Maker Faire Galicia tivo que innovar máis aínda para transformar un evento físico, polo que pasaron máis de 50.000 visitantes nas últimas 5 edicións, a un formato 100% dixital que permita vivir a mesma experiencia pero dun modo totalmente diferente.

Para conseguir este ambicioso obxectivo tiñamos claro que a barreira de entrada tecnolóxica para os usuarios debería ser nula ou, polo menos, minimizala o máximo posible e, ademais, queriamos conseguir unha interacción participativa dos usuarios da feira. Así foi como concibimos esta nova plataforma da Maker Faire Galicia. Esta plataforma, á que se accede de forma totalmente gratuíta mediante rexistro, funciona de modo similar a Google Street View.

Os asistentes poderán circular polo Museo Gaiás, contemplar as casetas dos proxectos e ademais facer preguntas en directo aos/as makers, participar en talleres ou asistir a charlas e mesas redondas con referentes a nivel nacional e internacional, tal e como xa vos anunciamos en anteriores post. Para esta interacción será necesario que os usuarios dispoñan dunha conta de Zoom.

O concepto de plataforma articúlase a través de fotografías 3D do espazo, sobre el xéranse unha serie de capas gráficas coas que os usuarios poderán interactuar. De forma complementaria desenvolvemos unha navegación alternativa máis convencional para que sexa totalmente accesible. Así, a Maker Faire Galicia pasa de ser unha feira de escala fundamentalmente europea a situarse nunha escala global, conectando a makers, educadores e organizacións de todo o mundo.

A última novidade é que esta feira, a diferenza doutros anos, non será efémera, xa que unha vez finalice o evento poderase seguir gozando durante todo o ano, cos contidos accesibles na plataforma e coa incorporación de novos contidos a partir dos intereses da comunidade. 

Se aínda non vos rexistrastes na plataforma non esquezades facelo para poder gozar desta edición tan especial que se levará a cabo do 18 ao 22 de novembro de 2020.

Escornathon: deseña, imprime e programa a Escornabot 

Xa vos adiantamos unha gran parte das actividades que imos celebrar durante a Maker Faire Galicia. E hoxe falarémosvos dunha competición moi especial que organizan desde a Aula Nova en CAFI Galicia (Centro Autonómico de Formación e Innovación). Nesta competición, a que dan en chamar Escornathon, os Escornabots someteranse a un reto conxunto argallado entre os participantes da Maker Faire Galicia: o alumnado, os docentes e a comunidade maker para formar un kit de programación viaxeiro.

Participar no Escornathon hai que seguir estes pasos:

1.Copia a peza básica da programación analóxica do Escornabot.

2.Modifica a peza creando unha “nova programación” do Escornabot.

3.Publica a túa peza modificada en Tinkercad.

4.Imprime a peza en calquera cor.

5.Enche este formulario de participación.

6.Fai un envio postal nun sobre a AulaNova (CAFI Galicia) Rúa Lamas de Abade s/n 157002 Santiago de Compostela, non esquezas engadir detrás da peza o teu nome, a categoría na que participas (alumno/a, profesor/a ou maker) e un teléfono de contacto. Podes participar con varias pezas.Todas as pezas deben ser remitidas antes do 20/11/2020.

Neste evento participarán dous makers moi especiais: Pablo Rubio, maker de Zaragoza e formador de Escornabot, e Xoan Sanpaíño, pai do Escornabot e formador docente, que compartirán protagonismo e funcións.

Ademais, participar no Escornathon ten premio: un kit de montaxe Escornabot e material maker para seguir argallando proxectos. As pezas premiadas serán publicadas nesta páxina web e haberá un premio ao mellor deseño do alumnado, outro ao mellor deseño do profesorado e un último ao mellor deseño do maker. Este maker destinará o seu premio a un cole galego e exercerá de mentor achegando o seu coñecemento e axuda.

A información completa do reto podes atopala aquí. Agardamos a túa peza, non faltes!

Expertos de Startup Galicia en creación de empresas, modelos de negocio, tecnoloxía, escalabilidade ou financiamento, asesorarán de forma totalmente gratuíta na Maker Faire Galicia.

Startup Galicia é unha comunidade aberta e colaborativa de emprendedores que promove o emprendemento en Galicia. Tratan de crear conexións entre os emprendedores do ecosistema e apoiar o crecemento do mesmo. Un dos obxectivos que pretenden conseguir é poñer en marcha iniciativas de mentorización, formación e financiamento de proxectos. E esta é a razón de lanzar “Startup Galicia da man”, unha iniciativa de mentorización de proxectos empresariais que desenvolverán no programa de actividades da Maker Faire Galicia.

A través desta acción queren axudar aos/as makers que teñen unha idea empresarial pero non saben como desenvolvela, como estruturar o seu modelo de negocio ou que queren crear unha empresa que sexa escalable. A formulación inicial é simple: necesitan que lles contes a túa idea e os poñas en antecedentes, a partir de aí o equipo de Startup Galicia analizará que perfís expertos necesitas e como poden orientarche da mellor maneira.

Así que se queres participar nunha das mentorías que ofrecerán non o penses máis e empeza por escribir a túa idea, enche o formulario de inscrición e espera a que contacten contigo para fixar unha cita por videochamada, duns 40 minutos, na que che guiarán sobre os pasos que debes dar para converter a túa idea nun proxecto real. A que estás a esperar?

Únete a este hackathon que ten como obxectivo a creación de videoxogos durante a Maker Faire Galicia

Por que Game Jam? Este termo provén das palabras “game” (xogo) e “jam” que fai referencia ás “jam sessions” ou sesións musicais que están na súa maior parte improvisadas. Na Game Maker Jam o obxectivo é a creación de prototipos de videoxogos de forma libre, novidosa e case improvisada. A primeira Game Jam tivo lugar en 2002 da man de Chris Hecker e Sexan Barrett como un evento de deseño e programación de xogos para fomentar a experimentación e a innovación na industria do videoxogo.

O tema central da Game Maker Jam descubrirase durante a xornada de educación (20 de novembro) na mesa “Aplicacións da tecnoloxía na educación”. Desde ese momento iniciarase a competición e finalizará o 22 de novembro ás 14:00. Un xurado formado por profesionais e académicos relacionados co sector dos videoxogos valorará os desenvolvementos e ese mesmo día anunciaranse os gañadores durante a cerimonia de entrega de premios da Maker Faire Galicia.

Esta competición persegue fomentar a creatividade e o desenvolvemento de videoxogos, así como servir de plataforma na que coñecer a xente e establecer relacións entre os distintos participantes. Por todo iso a propiedade intelectual de todo o contido creado para cada xogo será propiedade dos membros de cada equipo.

En canto ás características, a competición terá formato 100% online e poderá participar calquera persoa ou grupo sen restricións de ningún tipo, a única limitación é que unha mesma persoa só poderá formar parte dun equipo e os equipos poderán ser como máximo de 3 persoas.

Se queres coñecer os criterios de valoración, todos os detalles sobre a competición ou inscribirte para participar nela, poderás atopar toda a información na web creada para a actividade.

Dúas xornadas cheas de charlas e mesas relacionadas co mundo da innovación e a tecnoloxía aplicada a todos os ámbitos.

As xornadas abertas a todos os públicos da sexta edición da Maker Faire Galicia terán lugar os días 21 e 22 de novembro. Ademais das actividades e talleres contaremos cunha selección dos proxectos máis innovadores do ecosistema maker, cos que poderás conectarte en liña e interactuar, e numerosas charlas super interesantes.

Estas charlas comezarán o sábado 21 pola tarde con “hologramas Do It Yourself” impartida por Asier Marzo (profesor da Universidade Pública de Navarra). A continuación virán Javi Serrano (co-organizador do Chapter de NeurotechX en Galicia) e Rocío Lozano (cofundadora do Chapter de NeurotechX en Galicia) para falar de NeuroTech Galicia e como funciona esta comunidade relacionada coa neurotecnoloxía que acaba de botar a andar.

Tras NeuroTechX Galicia damos un salto ao ámbito social, onde María Noguerol falaranos do proxecto Cosiendo el paro, un proxecto dirixido por Manuela Carmena e ela mesma, no que se persegue a integración social e laboral de persoas en situación de exclusión ou perda de liberdade. Seguindo o ronsel de María, a continuación contaremos con Noemi Barrientos (fundadora de León Startup) quen nos falará do interesante programa de emprendemento da fundación Roberto Rivas RR_ dTerritorio, no que propoñen a resolución de retos a través da tecnoloxía para emprender no rural galego.

Pecharemos a xornada do sábado cunha mesa sobre Game Makers, onde analizaremos o papel dos videoxogos hoxe en día e como evolucionaron. Esta mesa estará moderada por Luz Castro (Socia fundadora de imaxin|software) e formada por Manel Fernández (desenvolvedor de aventuras gráficas en Akkad Estudos), Carla Bolaños (UX designer en Digital Monster Collective), Juan Gestal e Alfonso Iglesias (creadores de Pixfans).

Ao día seguinte, o domingo 22 pola mañá, teremos unha mesa interactiva titulada “Bioheroes: A importancia da comunicación e a colaboración en Bioeconomía”. Beatriz Palomo (Responsable da área de Proxectos e Saúde de ASEBIO e Coordinadora da Plataforma Española de Biotecnoloxía) será a moderadora e participarán Beatriz Noya (USC), Marissa Bordallo (World Courier), Ángela Ruiz (Atipical), Bosco Emparanza (MOA foodtech) e María Iranzo (Universidade Complutense de Madrid). Nela profundarán sobre este tema e a relevancia que ten de fronte ao acceso dos bioprodutos ao mercado. Sé un dos 10 primeiros inscritos e recibe un Kit de Bioprodutos.

Pola tarde contaremos con Maria Baqueiro Vidal (responsable de Sustentabilidade do Festival SINSAL SON Estrela Galicia) na charla “A senda circular. Cultura e creatividade para a transformación”. Tras esta charla de economía circular, a continuación falaremos de solucións de baixo custo para a independencia na diversidade funcional con Thais Pousada García (doutora no grupo de investigación de tecnoloxía aplicada á investigación en ocupación, igualdade e saúde da UDC).

A mesa final, cuxo nome é Makers vs. Covid, tratará precisamente o tema da actuación da comunidade maker fronte a situación de pandemia que enfrontamos, desde o estado de alarma ata o de agora e cales son as perspectivas de futuro. Esta mesa estará formada por José Gago (co-fundador de Cooperavirus), Álvaro Rey (CEO de Makergal), Iraisy Figueroa (Coordinadora de área Coruña en coronavirus makers) e César García (Creador de La hora  maker, do foro AIRE e co-fundador de MakeSpace Madrid).

Finalizaremos a sexta edición da Maker Faire Galicia cunha entrega de premios aos proxectos máis votados polo público que recibirán un premio por categorías: minimaker (ata 16 anos), maker (maiores de 16 anos) e divulgación científica. Ademais a organización entregará o xa tradicional Maker de Mérito, que recoñece todos os anos o bo facer dun/unha maker e o impacto do seu proxecto na sociedade.

Foto: Agencia SINC

Contaremos con relatores de referencia, actividades novidosas e proxectos innovadores realizados polo alumnado

Na sexta edición da Maker Faire Galicia contaremos cunha xornada dedicada en exclusiva á educación que terá lugar o venres 20 de novembro. Tras a mesa inaugural que dará comezo á xornada, teremos o pracer de escoitar a Maitane Alonso, a maker que deixou sorprendidos ao MIT e á NASA. Maite falará de como chegou a ser unha maker e da evolución do seu proxecto desde o primeiro prototipo ata a actualidade.

A continuación falaremos das diferentes realidades da innovación educativa, na que veremos as distintas vertentes que toma a innovación nos diferentes ámbitos educativos. Para iso contaremos con José Viñas (profesor de Bioloxía), Teo Manzano (Director de Marketing e Desenvolvemento de Produto en Steelcase), María do Camiño Pereiro (directora do CPI Plurilingüe Virxe da Cela) e moderará Paz Picallo (docente en VermisLAB). Seguidamente poderemos gozar dos pitchs dos proxectos educativos que competirán por levar o premio nesta categoría.

Na seguinte mesa “facendo unha educación máis inclusiva” falaremos dun tema fundamental no ámbito educativo como é a inclusión. Poderemos ver distintos exemplos e perspectivas de inclusión grazas á participación de Pablo Vilariño (Instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille en ONCE), Margarita Sebastián Herranz (Psicóloga en Ceapat), Javier Mur (docente de primaria) e contaremos con Felo Couto (mestre de educación especial e dinamizador TIC) como moderador.

A última mesa versará sobre a aplicación da tecnoloxía no sector da educación e nela analizaremos o papel das novas tecnoloxías e como podemos aplicalas con éxito. Acompañarannos Carmen Fernandez Morante (decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC), Conchy Fernandez (asesora TIC do Centro de Autonómico de Formación e Innovación, CAFI), Carmela Salgueiro (docente en VermisLAB) e estará moderada por Luz Castro (Socia fundadora de imaxin|software).

Paralelamente a estes relatorios contaremos cunha exposición de proxectos relacionados co mundo da educación, tanto de centros educativos como de empresas ou outras organizacións. Ademais durante esta xornada celebraranse numerosos talleres para todas as idades e lanzarase oficialmente a primeira Game Maker Jam!

Unha vez terminados os relatorios realizarase a entrega de premios aos proxectos máis destacados da xornada.

Emprendemento no mundo maker, alimentación, saúde, sustentabilidade ou reindustrialización serán algunhas das temáticas que tamén terán o seu espazo na Maker Faire Galicia

Estas xornadas empezarán o 18 de novembro cunha mesa inaugural na que se presentará o evento e a cal dará paso ao primeiro relatorio do día, a cargo de Yannick Roy. O  co-fundador e Director Executivo de NeuroTechX, a comunidade de neurotecnoloxía máis grande do mundo, contaranos como se orixinou este proxecto e como evolucionou ata conseguir formar unha comunidade de máis de 16.000 entusiastas da neurotecnoloxía.

Seguiremos durante a mañá con diversas mesas redondas, a primeira delas tratará sobre tecnoloxías para o mundo 5.0, na que especialistas en distintas áreas contarannos como estas tecnoloxías poden cambiar o noso día a día. Para iso contaremos con Marta Pita (Investigadora no laboratorio QuTech de Física Cuántica da Universidade de Delft e Young Talent Award 2019), Federico Ruiz (Xefe do Observatorio Nacional 5G de España), Vicente  Moret (Catedrático do departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información na UDC) e José Antonio Galdón (Presidente de Cogiti).

A continuación falaremos sobre o papel das aceleradoras no ecosistema maker, unha mesa na que poderemos coñecer como un proxecto pode chegar a converterse nunha gran empresa se recibe un bo apoio, como pode ser o caso das aceleradoras. E pecharemos a mañá coa mesa “De Maker a Startup” na que coñeceremos como algúns proxectos que pasaron pola Maker Faire Galicia en pasadas edicións conseguiron converterse en verdadeiras Startups de éxito. Nesta mesa acompañarannos Marcos Souto (cofundador de 3D Limitless), Bruno Moya (creador de Glassear) e estará moderada por Jose Iglesias (Director Senior de Comunidade en Techstars).

Retomaremos a xornada pola tarde cun tema de gran interese e no que cada vez máis xorden proxectos innovadores que cambian os nosos hábitos e forma de vida. Trátase dunha mesa sobre o impacto das novas tecnoloxías na alimentación e a saúde. Relacionada con este tema atópase a charla que dará xusto despois Sofía Belenguer, que nos falará de “My real food, a app que revolucionou a nosa alimentación”. Precisamente é un bo exemplo de como a tecnoloxía pode cambiar os nosos hábitos alimenticios.

Seguidamente terán lugar os primeiros pitchs dos proxectos seleccionados e que participarán na competición de proxectos. Tras os pitchs continuaremos cunha mesa dedicada á dixitalización na industria da alimentación, un tema de gran interese no que falaremos da aplicación de novas tecnoloxías á conservación de alimentos, como a dixitalización transformou radicalmente este sector ou algún exemplo de opensource na industria.

O 19 de novembro será a última das xornadas profesionais e abriremos a mesma falando sobre os retos da reindustrialización, na cal tentaremos descubrir como será a nova industria. Axudarannos Jennifer González Silva (secretaria técnica do Consorcio Aeronáutico Galego), Lorena Riveiro (Communication & Marketing Director de Asime Galicia) e Bart Kamp (Coordinador de Asuntos de Internacionalización do Instituto Vasco de Competitividade).

A segunda intervención da xornada virá a cargo de Antón Vázquez e a súa charla “Alén Space e os makers do espazo”. Antón detallaranos como foi a evolución de Alén Space desde aquel primeiro proxecto que iniciaron hai 12 anos ata chegar a converterse nun referente como é hoxe en día. Tras a súa intervención dará paso aos pitchs dos proxectos restantes. 

A continuación poderemos gozar da mesa “As tecnoloxías que definirán a nova industria” na que analizaremos o papel da implementación de distintas tecnoloxías desde a perspectiva de diferentes ámbitos industriais. Para iso contaremos con Jan Puig (director de márketing e vendas de PILZ España e Portugal), Senén Varro Ameneiro (Director do CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC) e Fran Yáñez como moderador (xerente de planta en TI Fluide Systems).

Na última mesa da mañá “A democratización do espazo aéreo” falaremos de como debe evolucionar este ámbito coa introdución de novas formas de navegación. A xornada de mañá pecharase con James Bruton, o famoso inventor e youtuber do mundo maker que virá para falarnos do seu proxecto en aberto Open Dog.

Pola tarde entraremos de cheo en temas de sustentabilidade coa mesa “Economía circular, fume ou realidade?”, acompañados de Miguel Varela (CEO de Teimas  Desenvolvemento), Gumersindo Feijoo (catedrático de Enxeñería Química na USC) e Bea Noya (xestra de proxecto en BioBridges) descubriremos cal é a realidade desta nova forma de entender a economía. A esta mesa seguiralle Maitane Alonso, que falará sobre a revolución na conservación de alimentos exemplificada a través do seu propio proxecto. A continuación poderemos ver a final da competición de proxectos.

A penúltima mesa versará sobre o papel da enerxía no presente e futuro do planeta, onde falaremos de como debe evolucionar este sector. Acompañarannos Francisco Silva Castaño (delegado de Iberdrola Galicia), Jacobo LLoret Casal (consultor de solucións industriais intelixentes) e moderará a mesa Beatriz García (redactora da sección de Economía e Laboral en La Voz de Galicia).

A última mesa abordará o ámbito téxtil na que trataremos de dar resposta á seguinte pregunta: O téxtil pode ser circular? Para axudarnos teremos connosco a Lola Dopico (doutora en Belas Artes e profesora en Uvigo) que será a moderadora, Idoia Cuesta (creadora, formadora e investigadora téxtil, especializada en cestería.), Maria Almazán (directora de LATITUDE) e Arantza Vilas (fundadora, propietaria e directora creativa de Pinaki Studios).

O broche a estas xornadas será a entrega de premios aos 3 mellores proxectos presentados na categoría profesional desta sexta edición da Maker Faire Galicia. Se quedaches con ganas de asistir a este gran evento non esquezas inscribirte.

Talleres de realidade aumentada, robótica, computación cuántica ou e actividades como mentorías para startups ou a primeira Game Maker Jam son algunhas das accións propostas para esta semana maker.

Xornadas Profesionais (mércores 18 e xoves 19 de novembro)

Aínda que queda practicamente un mes para a Maker Faire Galicia 2020 xa podemos comezar a anunciar algunhas das actividades máis destacadas desta edición. 

Bruno Moya, o maker que está a democratizar o sector da realidade mixta con Glassear, ofrecerá un taller para aprender a crear unha app de realidade aumentada en tan só 1 hora. A través do uso de programas como Unity 3D ou Vuforia, Bruno axudaranos a crear unha aplicación móbil de Realidade Aumentada, paso previo para a introdución na realidade mixta.

Paola Guimeráns ensinaranos a aplicar as novas tecnoloxías na moda, achegándonos a un novo concepto que propiciará un consumo máis intelixente e sostible no sector. Neste taller aprenderás sobre novos materiais, impresión en 3D e os e-téxtiles, tamén coñecidos como téxtiles electrónicos ou intelixentes. Este taller tamén estará dispoñible na xornada de educación.

A comunidade de Startup Galicia volverá estar presente nesta edición, pero esta vez en lugar do Open Space de edicións anteriores, ofrecerán unha mentoría para Startups. Da man de expertos da propia comunidade en creación de empresas, modelos de negocio, tecnoloxía, escalabilidade ou financiamento, asesorarán de forma totalmente gratuíta a todos/as os/as makers interesados/as en vivir do seu proxecto. Máis información sobre como inscribirse aquí.

Xornada de Educación (venres 20 de novembro)

Durante a xornada de educación tamén contaremos con numerosos talleres e actividades, que farán as delicias de profes e alumnos/as de todas as idades, a continuación comentamos algúns dos máis destacados.

Vicente Moret-Bonillo levará a cabo un taller de aventuras matemáticas, no cal se explorarán diferentes curiosidades das matemáticas desde unha perspectiva amena e fácil de comprender. Tamén ofrecerá un taller sobre o misterio da mecánica cuántica, onde falará do efecto túnel, a dualidade onda-partícula, do efecto fotoeléctrico, do gato de Schroedinger, a predición de Dirac, do principio de indeterminación de Heisenberg ou de Richard Feynman.

Ismael Rozas, desenvolvedor de Backend en IBM Research, axudaranos a entender que é a computación cuántica dunha maneira sinxela e para todos os públicos.

Desde VermisLAB propoñen dous talleres moi interesantes para profesores/as. O primeiro deles é unha introdución á lóxica computacional, onde poderemos aprender a través da elaboración de proxectos con Micro:BIT, unha tarxeta programable moi utilizada sobre todo en Reino Unido e que ten un gran potencial para desenvolver actividades STEAM na aula. O segundo deles será unha introdución á robótica nunha contorna virtual con Mbot, permitindo así aos/as profesores/as non depender de ter a tecnoloxía fisicamente na aula para ensinar robótica.

Tamén para docentes é a proposta de Ferran Fabregas cun novo método de ensinanza de robótica para primaria, secundaria e extraescolares: o método RIE, desenvolvido por un equipo de diversos profesores de robótica e cunha ampla experiencia acumulada.

Dani Sanz, de juegosrobotica.es, achegaranos a Makecode Arcade e o seu potencial educativo, creando videoxogos. Neste taller daremos un repaso á contorna de programación Makecode Arcade e como se pode aproveitar en educación para a creación de aplicacións temáticas.

Por último, desde a Maker Faire Galicia queremos darlle á creación e desenvolvemento de videoxogos o protagonismo que se merece, e para iso imos organizar a nosa primeira  Game Maker Jam.

Xornadas Abertas (sábado 21 e domingo 22 de novembro)

Por último, nas xornadas abertas, que se celebrarán os días 21 e 22 de novembro, tamén teremos unha gran variedade de talleres para todos os públicos, os cales, como nas xornadas anteriores, serán totalmente gratuítos.

Asier Marzo, colaborador do programa de televisión O Formigueiro, ensinaranos a construír un  levitador ultrasónico sinxelo formado por dous emisores ultrasónicos opostos. Haberá dúas sesións deste taller e necesitará inscrición previa a través do noso formulario de inscrición.

Desde Tropa Verde achegarannos ao mundo da reciclaxe e a sustentabilidade grazas a Inés Lusquiños, quen impartirá un taller para ensinarnos a crear papel reciclado en casa. 

VermisLAB tamén estará presente nas xornadas abertas, ofrecéndonos talleres de introdución á robótica con Micro: BIT; introdución ao desenvolvemento de videoxogos básicos; ciencia espacial e creación de foguetes e, finalmente, electrónica creativa con plastilina condutiva.

Á maior parte dos talleres poderase acceder directamente ao rexistrarse na nova plataforma da Maker Faire Galicia e non necesitarán inscrición previa. Algúns talleres aínda teñen os horarios por definir, nas próximas semanas poderase consultar toda a información sobre os mesmos na plataforma oficial da Maker Faire Galicia.

A súa paixón e coñecementos leváronlle a crear o robot de código aberto Open Dog

Hai uns anos Boston Dynamics sorprendeu a todos cando lanzou o seu famoso robot con forma de can, agora, grazas a James Bruton, podemos atopar un robot realizado con tecnoloxías do mundo maker que ao ser de código aberto pode ser accesible a todo o mundo.

Antigo deseñador de xoguetes, James Bruton é hoxe en día youtuber do mundo maker e de robótica en xeral. Esta paixón pola robótica levoulle a realizar proxectos incribles de código aberto que comparte con todo o mundo a través da súa canle. Quizais un dos seus proxectos máis coñecidos é o chamado Open Dog, un can robótico de código aberto que podes replicar na túa propia casa.

Este incrible enxeñeiro eléctrico e mecánico levou o “do it yourself” a outro nivel coa creación de diversos proxectos como a construción de varios droides de Star Wars, así como varios proxectos de Marvel como Iron Man e Hulkbuster entre moitos outros.

A súa aventura empezou en 2004, cando se propuxo construír un robot de tamaño natural que fose capaz de camiñar e non conseguiu atopar información na internet, entón propúxose facelo el mesmo e desde entón non parou. Na Maker Faire Galicia falará sobre o seu percorrido e como chegou a crear o seu último proxecto: Open Dog.

María Noguerol, vén á Maker Faire Galicia para falarnos desta gran iniciativa de innovación social.

 

Esta sociedade foi fundada pola ex alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, e é xestionada na actualidade pola súa sobriña María Noguerol, quen tamén dirixe a cara visible desta sociedade: Zapatelas, unha tenda situada no céntrico barrio de Malasaña, en Madrid.

Nesta tenda podemos atopar roupa de bebés e nenos, zapatos, xoguetes e elementos decorativos. Con todo o máis interesante está no proceso de creación deses produtos, xa que a tenda tamén é un taller onde traballan nais migrantes e expresidiarias preparando os patróns e o corte das pezas.

Tamén colaboran con distintos talleres como os de inserción social profesionalizados e os talleres ocupacionais de centros penais, que son os que se encargan de terminar todas as pezas que se preparan no taller.

Páxina seguinte »