Escornathon: deseña, imprime e programa a Escornabot 

Xa vos adiantamos unha gran parte das actividades que imos celebrar durante a Maker Faire Galicia. E hoxe falarémosvos dunha competición moi especial que organizan desde a Aula Nova en CAFI Galicia (Centro Autonómico de Formación e Innovación). Nesta competición, a que dan en chamar Escornathon, os Escornabots someteranse a un reto conxunto argallado entre os participantes da Maker Faire Galicia: o alumnado, os docentes e a comunidade maker para formar un kit de programación viaxeiro.

Participar no Escornathon hai que seguir estes pasos:

1.Copia a peza básica da programación analóxica do Escornabot.

2.Modifica a peza creando unha “nova programación” do Escornabot.

3.Publica a túa peza modificada en Tinkercad.

4.Imprime a peza en calquera cor.

5.Enche este formulario de participación.

6.Fai un envio postal nun sobre a AulaNova (CAFI Galicia) Rúa Lamas de Abade s/n 157002 Santiago de Compostela, non esquezas engadir detrás da peza o teu nome, a categoría na que participas (alumno/a, profesor/a ou maker) e un teléfono de contacto. Podes participar con varias pezas.Todas as pezas deben ser remitidas antes do 20/11/2020.

Neste evento participarán dous makers moi especiais: Pablo Rubio, maker de Zaragoza e formador de Escornabot, e Xoan Sanpaíño, pai do Escornabot e formador docente, que compartirán protagonismo e funcións.

Ademais, participar no Escornathon ten premio: un kit de montaxe Escornabot e material maker para seguir argallando proxectos. As pezas premiadas serán publicadas nesta páxina web e haberá un premio ao mellor deseño do alumnado, outro ao mellor deseño do profesorado e un último ao mellor deseño do maker. Este maker destinará o seu premio a un cole galego e exercerá de mentor achegando o seu coñecemento e axuda.

A información completa do reto podes atopala aquí. Agardamos a túa peza, non faltes!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *