Expertos de Startup Galicia en creación de empresas, modelos de negocio, tecnoloxía, escalabilidade ou financiamento, asesorarán de forma totalmente gratuíta na Maker Faire Galicia.

Startup Galicia é unha comunidade aberta e colaborativa de emprendedores que promove o emprendemento en Galicia. Tratan de crear conexións entre os emprendedores do ecosistema e apoiar o crecemento do mesmo. Un dos obxectivos que pretenden conseguir é poñer en marcha iniciativas de mentorización, formación e financiamento de proxectos. E esta é a razón de lanzar “Startup Galicia da man”, unha iniciativa de mentorización de proxectos empresariais que desenvolverán no programa de actividades da Maker Faire Galicia.

A través desta acción queren axudar aos/as makers que teñen unha idea empresarial pero non saben como desenvolvela, como estruturar o seu modelo de negocio ou que queren crear unha empresa que sexa escalable. A formulación inicial é simple: necesitan que lles contes a túa idea e os poñas en antecedentes, a partir de aí o equipo de Startup Galicia analizará que perfís expertos necesitas e como poden orientarche da mellor maneira.

Así que se queres participar nunha das mentorías que ofrecerán non o penses máis e empeza por escribir a túa idea, enche o formulario de inscrición e espera a que contacten contigo para fixar unha cita por videochamada, duns 40 minutos, na que che guiarán sobre os pasos que debes dar para converter a túa idea nun proxecto real. A que estás a esperar?