Talleres de realidade aumentada, robótica, computación cuántica ou e actividades como mentorías para startups ou a primeira Game Maker Jam son algunhas das accións propostas para esta semana maker.

Xornadas Profesionais (mércores 18 e xoves 19 de novembro)

Aínda que queda practicamente un mes para a Maker Faire Galicia 2020 xa podemos comezar a anunciar algunhas das actividades máis destacadas desta edición. 

Bruno Moya, o maker que está a democratizar o sector da realidade mixta con Glassear, ofrecerá un taller para aprender a crear unha app de realidade aumentada en tan só 1 hora. A través do uso de programas como Unity 3D ou Vuforia, Bruno axudaranos a crear unha aplicación móbil de Realidade Aumentada, paso previo para a introdución na realidade mixta.

Paola Guimeráns ensinaranos a aplicar as novas tecnoloxías na moda, achegándonos a un novo concepto que propiciará un consumo máis intelixente e sostible no sector. Neste taller aprenderás sobre novos materiais, impresión en 3D e os e-téxtiles, tamén coñecidos como téxtiles electrónicos ou intelixentes. Este taller tamén estará dispoñible na xornada de educación.

A comunidade de Startup Galicia volverá estar presente nesta edición, pero esta vez en lugar do Open Space de edicións anteriores, ofrecerán unha mentoría para Startups. Da man de expertos da propia comunidade en creación de empresas, modelos de negocio, tecnoloxía, escalabilidade ou financiamento, asesorarán de forma totalmente gratuíta a todos/as os/as makers interesados/as en vivir do seu proxecto. Máis información sobre como inscribirse aquí.

Xornada de Educación (venres 20 de novembro)

Durante a xornada de educación tamén contaremos con numerosos talleres e actividades, que farán as delicias de profes e alumnos/as de todas as idades, a continuación comentamos algúns dos máis destacados.

Vicente Moret-Bonillo levará a cabo un taller de aventuras matemáticas, no cal se explorarán diferentes curiosidades das matemáticas desde unha perspectiva amena e fácil de comprender. Tamén ofrecerá un taller sobre o misterio da mecánica cuántica, onde falará do efecto túnel, a dualidade onda-partícula, do efecto fotoeléctrico, do gato de Schroedinger, a predición de Dirac, do principio de indeterminación de Heisenberg ou de Richard Feynman.

Ismael Rozas, desenvolvedor de Backend en IBM Research, axudaranos a entender que é a computación cuántica dunha maneira sinxela e para todos os públicos.

Desde VermisLAB propoñen dous talleres moi interesantes para profesores/as. O primeiro deles é unha introdución á lóxica computacional, onde poderemos aprender a través da elaboración de proxectos con Micro:BIT, unha tarxeta programable moi utilizada sobre todo en Reino Unido e que ten un gran potencial para desenvolver actividades STEAM na aula. O segundo deles será unha introdución á robótica nunha contorna virtual con Mbot, permitindo así aos/as profesores/as non depender de ter a tecnoloxía fisicamente na aula para ensinar robótica.

Tamén para docentes é a proposta de Ferran Fabregas cun novo método de ensinanza de robótica para primaria, secundaria e extraescolares: o método RIE, desenvolvido por un equipo de diversos profesores de robótica e cunha ampla experiencia acumulada.

Dani Sanz, de juegosrobotica.es, achegaranos a Makecode Arcade e o seu potencial educativo, creando videoxogos. Neste taller daremos un repaso á contorna de programación Makecode Arcade e como se pode aproveitar en educación para a creación de aplicacións temáticas.

Por último, desde a Maker Faire Galicia queremos darlle á creación e desenvolvemento de videoxogos o protagonismo que se merece, e para iso imos organizar a nosa primeira  Game Maker Jam.

Xornadas Abertas (sábado 21 e domingo 22 de novembro)

Por último, nas xornadas abertas, que se celebrarán os días 21 e 22 de novembro, tamén teremos unha gran variedade de talleres para todos os públicos, os cales, como nas xornadas anteriores, serán totalmente gratuítos.

Asier Marzo, colaborador do programa de televisión O Formigueiro, ensinaranos a construír un  levitador ultrasónico sinxelo formado por dous emisores ultrasónicos opostos. Haberá dúas sesións deste taller e necesitará inscrición previa a través do noso formulario de inscrición.

Desde Tropa Verde achegarannos ao mundo da reciclaxe e a sustentabilidade grazas a Inés Lusquiños, quen impartirá un taller para ensinarnos a crear papel reciclado en casa. 

VermisLAB tamén estará presente nas xornadas abertas, ofrecéndonos talleres de introdución á robótica con Micro: BIT; introdución ao desenvolvemento de videoxogos básicos; ciencia espacial e creación de foguetes e, finalmente, electrónica creativa con plastilina condutiva.

Á maior parte dos talleres poderase acceder directamente ao rexistrarse na nova plataforma da Maker Faire Galicia e non necesitarán inscrición previa. Algúns talleres aínda teñen os horarios por definir, nas próximas semanas poderase consultar toda a información sobre os mesmos na plataforma oficial da Maker Faire Galicia.