Un ano máis a Maker Faire Galicia vén cargada de contidos para todas a idade e gustos! Charlas, mesas redondas, actividades, concursos, sorteos e espectáculos audiovisuais que poderedes gozar os días 6 e 7 de xullo na Cidade da Cultura.

Se queres saber que talleres gratuítos para pequenos e grandes (de 0 a 100 anos) haberá durante esa fin de semana consulta estoutro post onde explicamos en detalle todos os talleres e actividades da Maker Faire Galicia.

Charlas e mesas redondas

En canto ás charlas comezarán o sábado con Soledad Ayuso, a avoa maker que imprime en 3D. A continuación falará Bruno Moya que nos contará todos os detalles do seu proxecto Glassear. Despois Luís Díaz, Julián Caro e Agustín Flowalistik contarannos como é isto de organizar unha Hebocon. E por último teremos unha mesa de noivos e noivas de makers, que nos desvelarán os detalles de ter como parella a un/a maker : P

 O domingo abrirá as charlas Guille Martínez falando do seu proxecto de próteses impresas en 3D, Ayúdame 3D. Seguiranlle os minimakers de VermisLAB que nos contarán como ven eles o mundo  Maker desde a súa perspectiva. A continuación os mozos e mozas de UDC Big Bang falará do 150 aniversario da táboa periódica e finalmente Pablo Rubio falará de todas as posibilidades que ten o escornabot.

Exhibicións, concursos, sorteos…

Tamén poderás gozar de moitas outras actividades, por exemplo a exhibición de aquakarts que será o sábado ás 19:00 horas e o domingo ás 15:30 horas. Tamén durante todo o sábado e domingo poderedes participar na construción das pitabots ou galiñas robóticas e con elas participar no concurso máis elegante! 😉O sábado poderemos ver en como Yoseba MP pinta un mural en vivo, de 12:00 a 17:00 horas. E o domingo de 18:00 a 19:00 poderedes vivir a final da Hebocon e contemplar todos os combates de robots absurdos que competirán para ser o mellor robot! 😀

Este ano na Maker Faire Galicia contaremos coa participación de Compostela Tech, unha agrupación de comunidades tecnolóxicas de Santiago de Compostela, cuxo obxectivo é fomentar a divulgación da tecnoloxía e visibilizar o traballo de profesionais e interesados no desarrollo de software e hardware, legalidade dixital ou makers.

Durante as xornadas abertas (6 e 7 de xullo) levarán a cabo un Open Space no que debatirán sobre os temas que o público asistente escolla. As persoas que participen escribirán as súas propostas de temas, que logo serán votados dun modo democrático entre os asistentes. As temáticas que máis puntuación obteñan, levaranse a debate entre todos os presentes.

O Open Space de Compostela Tech terá lugar o sábado 6 de xullo de 10 a 14h. Para apuntarte, tan só tes que reservar o teu lugar aquí.

Máis info sobre o Compostela Tech Open Space 2019.

Link eventbrite: https://www.eventbrite.es/e/registro-compostela-tech-open-space-2019-63076080254

As super heroínas galegas levan mandil de cadros

Se cruzaches Galicia pola N-550 seguro que non puideches evitar fixarte nos murais que pintou o artista galego coñecido como Yoseba MP, que entrevistou a mulleres do rural de Galicia e converteunas en auténticas super heroínas.

Yoseba empezou pintando cadros sobre escenas do rural pero pronto cambiou o seu enfoque por un moito maior, pasando a pintar murais que podemos ver nas fachadas de toda Galicia. Primeiro entrevista ás súas modelos, falando con elas descobre os seus superpoderes e é entón cando pasa a retratalas en grandes murais que esperemos que se conserven para a posteridade.

Este ano Yoseba estará presente na Maker Faire Galicia realizando un mural en vivo a xornada do sábado 6 de xullo entre as 12:00 e as 17:00 horas. Se queres ver a este artista en acción anota a data e non o perdas!

Máis información sobre o traballo de Yoseba en Verne.

Un ano máis contamos con numerosas actividades para os asistentes ás xornadas abertas da Maker Faire Galicia. Durante os dous días desenvolveranse talleres para todas as idades e de diferentes temáticas.

O sábado durante todo o día os asistentes poderán crear as súas propias galiñas robóticas (pitabots), ou se o prefiren robots absurdos para participar na Hebocon, poderán participar na exhibición e pilotaxe de drons e en talleres de radiocontrol. Tamén se desenvolverán talleres creativos (xestión emocional, axilidade mental, potenciación do talento feminino, resolución de enigmas…) dirixidos por Latento e Chafarís situará unha ludoteca para o goce dos máis pequenos.

Para aqueles que teñan entre 6 e 100 anos haberá un taller de papirotrónica entre as 12:30 e as 14:00 horas. Tamén teremos un taller de creación de microscopios DiY de 10:30 a 12:00, para persoas entre 8 e 100 anos. Se che interesa aprender sobre Arduino durante esta xornada realizaranse varios talleres, dirixidos todos eles a público entre 12 e 100 anos. Pola tarde, de 16:30 a 18:00 horas levarase a cabo un taller de robótica para todas as idades. Ao longo do día desenvolveranse varias sesións de talleres de slackline e break dance dirixidas por Vella Escola.

O domingo poderanse gozar de novo, durante todo o día e para todas as idades, as actividades de pitabots, creación de robots para Hebocon, drons, radiocontrol, talleres creativos e continuará a ludoteca de Chafarís.

Repetiremos tamén talleres de Arduino para maiores de 12 anos e as sesións de slackline e break dance. Ademais teremos un taller de creación de próteses en impresión 3D (Ayúdame 3D), de 10:30 a 12:00 horas, adaptado a todas as idades. Un de programación de 11:00 a 14:00 horas para maiores de 8 anos acompañados dun adulto ou para adultos que veñan sós. E un de iniciación á robótica para todas as idades de 12:30 a 14:00.

Se queredes asistir a calquera desas actividades a inscrición realizarase na propia feira, no mesmo día no que se celebra o taller, desde as 10:00 horas. Unha mesma persoa non poderá inscribir a máis de 2 persoas nun mesmo taller e non se poderán gardar prazas dun día para outro.

O broche final desas actividades será a competición da Hebocon, onde os/as participantes competirán cos robots que crearon durante os talleres para levar o primeiro premio. Recomendámosvos asistir e coller sitio con tempo porque o aforo complétase! 😀

A táboa periódica foi presentada en 1869 por Dimitri Mendeléive, un químico que creou este sistema de ordenación de elementos. Este ano cúmprese o 150 aniversario da súa orixe, razón pola cal as Nacións Unidas declararon o 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica.

Para conmemorar este evento os mozos e mozas de UDCbigbang, gañadores do segundo premio na categoría de divulgación científica do ano pasado, asistirán tamén este ano á Maker Faire Galicia, non só como expositores e divulgadores científicos, senón tamén cunha charla interactiva onde mostrarán a súa táboa periódica xigante e farannos gozar un pouco máis da química 🙂

UDC Big Bang é unha asociación de alumnos e alumnas da Universidade da Coruña que se creou en 2014. Con ela pretenden achegar a ciencia a todos os públicos dunha forma sinxela e amena. Entre o seu equipo atópanse estudantes de bioloxía, química e outras ciencias que durante a feira levarán a cabo diferentes experimentos cos que ensinarán aos asistentes como funciona o mundo no que vivimos.

A Maker Faire Galicia é unha experiencia en si mesma… expositores locais, nacionais e de calquera parte do mundo, proxectos de temáticas moi diversas (desde artesanía ou música a impresión 3D, robótica ou ciencia!), charlas, talleres para todas as idades, espectáculos de drons, shows musicais, concursos… unha oferta moi variada!

Pero vivir a Maker Faire Galicia desde dentro é unha experiencia única e inesquecible, e se non o crees… que llo pregunten aos voluntarios e voluntarias que repiten ano tras ano 😀

Adaptaremos as tarefas á túa dispoñibilidade horaria e necesidades, cadraremos os grupos para que entre todos poidamos darnos apoio, gozaremos da comida xuntos (e gratis!) e darémosvos unha camiseta oficial da Maker Faire Galicia para ser recoñecidos como membros da organización 🙂

Non deixes escapar a oportunidade de pertencer ao equipo da Maker Faire Galicia e achegar o teu gran de area para conseguir que un ano máis este evento sexa todo un éxito 😀

Inscríbete enchendo este formulario, o prazo termina o 28 de xuño!

Que é para ti un argalleiro?

Isto é o que vos preguntabamos hai unhas semanas nas nosas redes sociais. Segundo o dicionario un argalleiro ou unha argalleira é unha persoa que fai cousas por diversión, que conta mentiras ou que fai cousas de pouco valor.

Pero para nós unha persoa argalleira é moito máis. Por iso animabámosvos a escribir unha nova definición para propoñerlla á Real Academia Galega.

Recibimos unas cantas definicións e de todas elas seleccionamos as tres máis completas. Agora só queda que vós as valoredes e mediante as enquisas que propoñeremos no noso Facebook, o noso Twitter e tamén en Instagram nos digades cal vos gusta máis.

Argalleiro/a:

1-Que ten a capacidade de crear unha cousa ou proceso novo ou dunha forma diferente á habitual.

2-Que é capaz de crear solucións a problemas complexos con poucos recursos.

3-Que é altamente creativo e ten facilidade para solucionar problemas e compartir coñecemento

 

Aquela que reciba máis votos será a que propoñeremos á Real Academia Galega a través dunha petición formal. Anímate a participar! 😀

Esta edición da Maker Faire Galicia será máis “argalleira” que nunca.

Galicia sempre foi territorio de grandes argalleiros e argalleiras. Por iso este ano queremos realizar unha homenaxe á Galicia máis rural.

Unha das novidades desta edición é a zona do Galiñeiro, un espazo ambientado como tal, onde se realizarán actividades moi interesantes. Ademais do obradoiro onde poderás construír o teu robot para participar na xa coñecida Hebocon poderás fabricar a túa propia Pitabot.

Constrúe a túa Pitabot e participa no concurso máis chick do ano!

Usando material reciclado e compoñentes electrónicos básicos, plumas, cartolinas ou cartóns crea a túa Pitabot, un robot “galiña” en homenaxe ao rural galego. Ademais poderás participar no Concurso+chick ou velas convertidas en artistas musicais no espectáculo Live Pitas! Pitas! Pitas! de Marta Verde e Juanma Lodo que se celebrará durante o evento.

Non te quedes coas ganas e ven a crear a túa Pitabot!

Como xa ven sendo habitual nos últimos anos, xunto coas xornadas abertas da Maker Faire Galicia, levamos a cabo unhas xornadas dirixidas exclusivamente ao público profesional. O principal obxectivo é dar a coñecer ó mundo da empresa todo o potencial que ofrece o ecosistema maker no desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas así coma potenciar a aparición de sinerxias entre estas dúas comunidades. A gran diferenza con respecto a edicións anteriores, é que este ano ditas xornadas pasarán de 1 a 3 días de duración, dando lugar á Semana Maker e da Industria 4.0. Esta semana articularase arredor de diferentes ámbitos que resultan clave tanto no presente coma no futuro da industria e celebraranse no edificio CINC da Cidade da Cultura.

O público que acuda a estas xornadas atoparase con multitude de empresas expositoras así coma makers que participarán na xa habitual competición de proxectos e que compartirán o seu coñecemento con todos os asistentes.

Comezaremos o mércores 3 de xullo cunha xornada articulada arredor da enerxía, a mobilidade e a intelixencia artificial. Á mesma acudirán expertos nestas temáticas que coordinarán as mesas de debate como Beatriz García (xornalista especializada de La Voz de Galicia), David Artés (coordinador en Diariomotor) ou Amparo Alonso (presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial). Nestas mesas destaca a presenza de empresas de referencia coma Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Indra entre outras.

A segunda xornada será o xoves 4, a cal abordará temáticas coma a robótica, a ciberseguridade e o Open Data. Para a mesma destaca a presenza de empresas coma KUKA, Siemens, NEC ou Balidea así como expertos como José Ignacio Armesto (profesor do Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática da UVigo), Pilar Vila (CEO DFTools Forensic-security) ou María Cerviño (Consultora Xurídica en NOLEGALTECH) os cales conducirán as mesas.

Para pechar estas xornadas profesionais, o venres 5 de xullo contaremos cun programa que nos axudará a visualizar esa conexión entre o mundo maker e a industria 4.0 así como as oportunidades que esta conexión pode ofrecer a ambos. Para isto contaremos con relatores de referencia a nivel internacional coma Justin Berger (IKEA) ou Mariano Silveyra (Cabify) os cales abrirán a xornada. A continuación será a quenda da competición de proxectos dos makers, a cal abrirá Bruno Noya, 2º clasificado na edición anterior das xornadas profesionais, que virá a presentar o seu proxecto xa posto no mercado. Tras Bruno, os tres makers finalistas desta edición realizarán o pitch de presentación dos seus proxectos.

Despois dos makers será o turno para a mesa da industria 4.0 onde empresas galegas de recoñecido prestixio coma Finsa, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space nos falarán da súa traxectoria e de como pasaron do garaxe ó mercado.

E por último contaremos cunha mesa que estará moderada por José Iglesias (Techstars e Startup Galicia) na que participarán as aceleradoras de Telefónica, Airbus, F. Iniciativas e Cuatrecasas, as cales nos falarán das oportunidades que ven no ecosistema maker e de todo o que poden aportar ós proxectos para poder desenvolvelos e poñelos no mercado.

As xornadas profesionais pecharanse coa entrega de premios ós mellores proxectos dos makers e cun xantar networking no que se poderá intercambiar opinións con todos os relatores e asistentes.

Se queres realizar a inscrición nalgunha destas xornadas visita a páxina de APD.

Xornadas organizadas en colaboración con APD, a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Círculo Financiero de Galicia (CFG) e se enmarcan dentro do Proyecto Capacita Directivos.