Un ano máis contamos con numerosas actividades para os asistentes ás xornadas abertas da Maker Faire Galicia. Durante os dous días desenvolveranse talleres para todas as idades e de diferentes temáticas.

O sábado durante todo o día os asistentes poderán crear as súas propias galiñas robóticas (pitabots), ou se o prefiren robots absurdos para participar na Hebocon, poderán participar na exhibición e pilotaxe de drons e en talleres de radiocontrol. Tamén se desenvolverán talleres creativos (xestión emocional, axilidade mental, potenciación do talento feminino, resolución de enigmas…) dirixidos por Latento e Chafarís situará unha ludoteca para o goce dos máis pequenos.

Para aqueles que teñan entre 6 e 100 anos haberá un taller de papirotrónica entre as 12:30 e as 14:00 horas. Tamén teremos un taller de creación de microscopios DiY de 10:30 a 12:00, para persoas entre 8 e 100 anos. Se che interesa aprender sobre Arduino durante esta xornada realizaranse varios talleres, dirixidos todos eles a público entre 12 e 100 anos. Pola tarde, de 16:30 a 18:00 horas levarase a cabo un taller de robótica para todas as idades. Ao longo do día desenvolveranse varias sesións de talleres de slackline e break dance dirixidas por Vella Escola.

O domingo poderanse gozar de novo, durante todo o día e para todas as idades, as actividades de pitabots, creación de robots para Hebocon, drons, radiocontrol, talleres creativos e continuará a ludoteca de Chafarís.

Repetiremos tamén talleres de Arduino para maiores de 12 anos e as sesións de slackline e break dance. Ademais teremos un taller de creación de próteses en impresión 3D (Ayúdame 3D), de 10:30 a 12:00 horas, adaptado a todas as idades. Un de programación de 11:00 a 14:00 horas para maiores de 8 anos acompañados dun adulto ou para adultos que veñan sós. E un de iniciación á robótica para todas as idades de 12:30 a 14:00.

Se queredes asistir a calquera desas actividades a inscrición realizarase na propia feira, no mesmo día no que se celebra o taller, desde as 10:00 horas. Unha mesma persoa non poderá inscribir a máis de 2 persoas nun mesmo taller e non se poderán gardar prazas dun día para outro.

O broche final desas actividades será a competición da Hebocon, onde os/as participantes competirán cos robots que crearon durante os talleres para levar o primeiro premio. Recomendámosvos asistir e coller sitio con tempo porque o aforo complétase! 😀

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *