Tras o gran éxito conseguido na primeira Hebocon da Maker Faire Galicia este ano propoñémonos celebrar a maior Hebocon de España. Apúntaste?

Se é a primeira vez que oes falar dunha Hebocon e te preguntas que é, poderiamos definila brevemente como unha competición de robots absurdos. Pero catro palabras quedan curtas para definir todo o que é.

A  Hebocon xurdiu en Xapón en 2014. De feito o termo Hebocon vén da palabra xaponesa Heboi, que se utiliza para definir algo que tecnicamente ten algún problema ou é de baixa calidade. É por ese motivo que os robots están feitos xeralmente con materiais de refugallo e electrónica moi básica.

Tras o gran éxito conseguido coa Hebocon que celebramos o ano pasado na Maker Faire Galicia, este ano repetimos con moitísima máis forza. Luís Díaz, Julián Caro  e Agustín Flowalistik serán novamente os encargados de dirixir esta competición que promete ser unha bomba.

O interesante da Hebocon é que calquera, mesmo sen ter ningún coñecemento técnico, pode participar, o que o converte nunha actividade perfecta para achegar a tecnoloxía a todo tipo de públicos, desde os máis pequenos aos maiores. 😉

Durante as dúas xornadas de portas abertas, participantes de todas as idades, sós, en grupo ou en familia, poderán crear o seu robot para despois participar na competición de Robots de taller que se celebrará ao final de cada xornada.

Do mesmo xeito que o ano pasado os que queiran traer o seu robot fabricado de casa poderán inscribirse previamente, competindo na categoría Robots de casa, que terá lugar durante a Maker Faire Galicia e, finalmente, o domingo pola tarde, realizarase o gran combate final entre as dúas categorías.

Non o penses máis e anímate a participar na Hebocon, consulta as regras aquí se vas construír o teu robot en casa e prepárate para gozar. A diversión está asegurada! 😀