As xornadas abertas a todos os públicos da sexta edición da Maker Faire Galicia terán lugar os días 21 e 22 de novembro. Ademais das actividades e talleres contaremos cunha selección dos proxectos máis innovadores do ecosistema maker, cos que poderás conectarte en liña e interactuar, e numerosas charlas super interesantes.
Estas charlas comezarán o sábado 21 pola tarde con “hologramas Do It Yourself” impartida por Asier Marzo (profesor da Universidade Pública de Navarra). A continuación virán Javi Serrano (co-organizador do Chapter de NeurotechX en Galicia) e Rocío Lozano (cofundadora do Chapter de NeurotechX en Galicia) para falar de NeuroTech Galicia e como funciona esta comunidade relacionada coa neurotecnoloxía que acaba de botar a andar.
Tras NeuroTechX Galicia damos un salto ao ámbito social, onde María Noguerol falaranos do proxecto Cosiendo el paro, un proxecto dirixido por Manuela Carmena e ela mesma, no que se persegue a integración social e laboral de persoas en situación de exclusión ou perda de liberdade. Seguindo o ronsel de María, a continuación contaremos con Noemi Barrientos (fundadora de León Startup) quen nos falará do interesante programa de emprendemento da fundación Roberto Rivas RR_ dTerritorio, no que propoñen a resolución de retos a través da tecnoloxía para emprender no rural galego.
Pecharemos a xornada do sábado cunha mesa sobre Game Makers, onde analizaremos o papel dos videoxogos hoxe en día e como evolucionaron. Esta mesa estará moderada por Luz Castro (Socia fundadora de imaxin|software) e formada por Manel Fernández (desenvolvedor de aventuras gráficas en Akkad Estudos), Carla Bolaños (UX designer en Digital Monster Collective), Juan Gestal e Alfonso Iglesias (creadores de Pixfans).
Ao día seguinte, o domingo 22 pola mañá, teremos unha mesa interactiva titulada “Bioheroes: A importancia da comunicación e a colaboración en Bioeconomía”. Beatriz Palomo (Responsable da área de Proxectos e Saúde de ASEBIO e Coordinadora da Plataforma Española de Biotecnoloxía) será a moderadora e participarán Beatriz Noya (USC), Marissa Bordallo (World Courier), Ángela Ruiz (Atipical), Bosco Emparanza (MOA foodtech) e María Iranzo (Universidade Complutense de Madrid). Nela profundarán sobre este tema e a relevancia que ten de fronte ao acceso dos bioprodutos ao mercado. Sé un dos 10 primeiros inscritos e recibe un Kit de Bioprodutos.
Pola tarde contaremos con Maria Baqueiro Vidal (responsable de Sustentabilidade do Festival SINSAL SON Estrela Galicia) na charla “A senda circular. Cultura e creatividade para a transformación”. Tras esta charla de economía circular, a continuación falaremos de solucións de baixo custo para a independencia na diversidade funcional con Thais Pousada García (doutora no grupo de investigación de tecnoloxía aplicada á investigación en ocupación, igualdade e saúde da UDC).
A mesa final, cuxo nome é Makers vs. Covid, tratará precisamente o tema da actuación da comunidade maker fronte a situación de pandemia que enfrontamos, desde o estado de alarma ata o de agora e cales son as perspectivas de futuro. Esta mesa estará formada por José Gago (co-fundador de Cooperavirus), Álvaro Rey (CEO de Makergal), Iraisy Figueroa (Coordinadora de área Coruña en coronavirus makers) e César García (Creador de La hora maker, do foro AIRE e co-fundador de MakeSpace Madrid).
Finalizaremos a sexta edición da Maker Faire Galicia cunha entrega de premios aos proxectos máis votados polo público que recibirán un premio por categorías: minimaker (ata 16 anos), maker (maiores de 16 anos) e divulgación científica. Ademais a organización entregará o xa tradicional Maker de Mérito, que recoñece todos os anos o bo facer dun/unha maker e o impacto do seu proxecto na sociedade.
Foto: Agencia SINC