Na sexta edición da Maker Faire Galicia contaremos cunha xornada dedicada en exclusiva á educación que terá lugar o venres 20 de novembro. Tras a mesa inaugural que dará comezo á xornada, teremos o pracer de escoitar a Maitane Alonso, a maker que deixou sorprendidos ao MIT e á NASA. Maite falará de como chegou a ser unha maker e da evolución do seu proxecto desde o primeiro prototipo ata a actualidade.
A continuación falaremos das diferentes realidades da innovación educativa, na que veremos as distintas vertentes que toma a innovación nos diferentes ámbitos educativos. Para iso contaremos con José Viñas (profesor de Bioloxía), Teo Manzano (Director de Marketing e Desenvolvemento de Produto en Steelcase), María do Camiño Pereiro (directora do CPI Plurilingüe Virxe da Cela) e moderará Paz Picallo (docente en VermisLAB). Seguidamente poderemos gozar dos pitchs dos proxectos educativos que competirán por levar o premio nesta categoría.
Na seguinte mesa “facendo unha educación máis inclusiva” falaremos dun tema fundamental no ámbito educativo como é a inclusión. Poderemos ver distintos exemplos e perspectivas de inclusión grazas á participación de Pablo Vilariño (Instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille en ONCE), Margarita Sebastián Herranz (Psicóloga en Ceapat), Javier Mur (docente de primaria) e contaremos con Felo Couto (mestre de educación especial e dinamizador TIC) como moderador.
A última mesa versará sobre a aplicación da tecnoloxía no sector da educación e nela analizaremos o papel das novas tecnoloxías e como podemos aplicalas con éxito. Acompañarannos Carmen Fernandez Morante (decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC), Conchy Fernandez (asesora TIC do Centro de Autonómico de Formación e Innovación, CAFI), Carmela Salgueiro (docente en VermisLAB) e estará moderada por Luz Castro (Socia fundadora de imaxin|software).
Paralelamente a estes relatorios contaremos cunha exposición de proxectos relacionados co mundo da educación, tanto de centros educativos como de empresas ou outras organizacións. Ademais durante esta xornada celebraranse numerosos talleres para todas as idades e lanzarase oficialmente a primeira Game Maker Jam!
Unha vez terminados os relatorios realizarase a entrega de premios aos proxectos máis destacados da xornada.