David Aguilar ofrecerá unha charla na cuarta edición da Maker Faire Galicia 

 

David naceu cunha malformación no brazo, e grazas ao seu enxeño, e con apenas nove anos, comezou a construírse un brazo a partir de pezas básicas de Lego misturadas con pezas doutros xoguetes robóticos e unhas pinzas.

A súa paixón por Lego e o seu afán de superación lévano, con 18 anos de idade, a construír o seu primeiro brazo articulado completo a partir dun helicóptero de xoguete da súa marca favorita. “Cando movo o brazo a man ábrese e péchase, o que me permite coller obxectos lixeiros e tamén flexionalo”, explica. O brazo foi bautizado como o MK1, ao que máis tarde lle seguiría o MK2, construído a partir das pezas dun avión Lego. O MK2 é un modelo máis avanzado que inclúe unha batería que lle permite automatizar movementos e a carga de obxectos máis pesados. Dende fai tan só unhas semanas, xa conta cunha versión nova do brazo, o MK3, feito a partir dunha grúa Lego de máis de 4.000 pezas. Un modelo moito máis evolucionado que o anterior.

David Aguilar foi nomeado embaixador do Grao de Bioenxeñería da Universidade Internacional de Cataluña (UIC) e foille outorgado recentemente en París a medalla de prata da Liga Universal do Ben Público polos seus servizos á humanidade.

Durante a súa presentación na Maker Faire Galicia poderemos coñecer a historia persoal de David, ademais de amosarnos o funcionamento das próteses que desenvolveu.

 

 

 

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *