Esta nova estudante de medicina, Maitane Alonso, empezou a interesarse pola conservación de alimentos ao ver a cantidade de comida que sobraba na súa casa cada vez que o seu pai cociñaba. Esta entrañable escena levouna a investigar sobre microbioloxía e desenvolver un primeiro prototipo que presentou na Zientzia Azoka de Elhuyar (Euskadi) onde conseguiu o primeiro premio. A partir de aí participou en distintas feiras e certames, conseguindo distintos premios e mencións de honra. A súa participación no Exporecerca Jove levouna a conseguir o premio da Societat Catalá de Biologia e o recoñecemento Intel, o que a levou a participar na final do campionato do mundo de Ciencia e Tecnoloxía, obtendo a maior distinción en Sustentabilidade e a segunda en Microbioloxía.
Ese primeiro prototipo de conservador de alimentos evolucionou notablemente e este ano Maitane presentaránolo na Maker Faire Galicia, contándonos todo o proceso de desenvolvemento ata chegar a el e as aprendizaxes que xurdiron no camiño.
Alén Space é unha empresa galega dedicada ao desenvolvemento, deseño e construción de satélites dixitais, tanto software como hardware. Trátase dunha spin-off da Universidade de Vigo que se fundou en 2017, pero cuxo orixe se remonta ao ano 2008 co deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español lanzado ao espazo: Xatcobeo. Traballaron en misións espaciais coa Axencia Espacial Europea, a Axencia Espacial Brasileira ou a NASA.
Nos últimos anos recibiron numerosos recoñecementos como o premio Cinco Días á innovación, o premio de Transferencia tecnolóxica da Real Academia Galega de Ciencias e este ano foi elixida como Mellor Startup espacial nos South Europe Startup Awards (SESA). En 2019 recibiron unha rolda de investimento de 1 millón de euros de CDTI e BeAble Capital, o que lles permitiu mellorar os seus desenvolvementos e seguir expandíndose. E leste mesmo ano xeraron unha alianza con Sateliot, un operador de telecomunicacións satelitales baixo unha arquitectura 5G, para o desenvolvemento da carga útil dos seus primeiros nanosatélites; teñen previsto realizar o primeiro lanzamento a finais de 2020.
Un ano máis na Maker Faire Galicia contaremos con esta empresa que vén representada por Antón Vázquez García, Business Developer en Alén Space, quen xa participou nunha das mesas das xornadas profesionais da pasada edición e deixou a todo o mundo impactado. Nesta ocasión falará dos inicios da empresa, como conseguiron chegar onde está agora e cal é a perspectiva que teñen de fronte ao futuro.
Nos últimos anos o movemento Realfooding creceu de maneira exponencial, trátase dun movemento que prima o consumo de alimentos frescos ou cun procesado mínimo fronte aos grandes ultraprocesados que se crearon co avance da industria alimentaria. Os ultraprocesados fóronse incluíndo nunha gran parte da dieta en case todo o mundo, converténdose nun problema de saúde alimentaria.
My real food nace para axudar ás persoas a volver a unha dieta baseada en comida real, aprendendo a través desta app a analizar a composición dos produtos e alimentos, e elixir aqueles máis saudables. Tamén che ensina a elaborar receitas sas e deliciosas cos alimentos e a marcarse obxectivos para mellorar o teu estilo de vida, podendo compartir todo isto cunha gran comunidade a través da súa propia rede social, un apartado onde podes compartir publicacións, os teus progresos, seguir a outros usuarios, etc.
Sofía Belenguer Hernández, co-Founder e CEO de MyRealFood, virá á Maker Faire Galicia para contarnos con máis detalle as reviravoltas desta app: como se orixinou este proxecto e como foi evolucionando ata chegar ao que é hoxe en día.
Un ano máis a Maker Faire Galicia pretende abordar todas as temáticas de interese para a comunidade maker, especialmente naqueles ámbitos máis novos. Por iso este ano temos o pracer de contar con NeuroTechX, unha organización sen ánimo de lucro que loita por facilitar o avance da neurotecnoloxía proporcionando recursos clave e oportunidades de aprendizaxe a través de iniciativas tecnolóxicas locais e mundiais.
Para desenvolver o seu proxecto parten de 3 alicerces básicos como son a comunidade, a educación e o desenvolvemento profesional. Consideran que para converterse nunha realidade práctica a neurotecnoloxía debe contar cunha comunidade de expertos, emprendedores e entusiastas neste ámbito, para iso actúan como facilitadores e conectores desta comunidade.
Doutra banda, sendo o seu obxectivo promover o avance da neurotecnoloxía, a educación é un recurso fundamental polo que NeuroTechX ofrece recursos accesibles e oportunidades de aprendizaxe para principiantes ou expertos.
Por último, encárganse tamén de xerar sinerxias entre os distintos proxectos de innovación e eventos neste ámbito, ao mesmo tempo que axudan á industria para atopar o talento que poida permitir o avance da neurotecnoloxía.
NeuroTechX xa conta con case 16.000 entusiastas da neurotecnoloxía en todo o mundo, que discuten sobre proxectos de neurociencia, tecnoloxía e DIY na súa comunidade. Na Maker Faire Galicia 2020 contaremos co co-fundador desta comunidade e Director Executivo, Yannick Roy. Ademais, este mesmo ano comezou a súa andaina o chapter de NeuroTechX en Galicia (NeuroTechGAL), que tamén estará connosco durante a feira. 😀
Este ano a Maker Faire Galicia presenta un novo formato 100% online, para o que desenvolvemos unha potente plataforma online que permitirá aos participantes vivir unha experiencia única desde calquera punto do planeta. Desta forma convértese nunha das primeiras Maker Faire a nivel mundial que se celebra integramente a través de Internet.
Ademais desta novidade, ás dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional, e ás dúas xornadas abertas a todo o público, súmase este ano unha nova xornada exclusiva sobre educación. Deste xeito a Maker Faire Galicia convértese nun referente na innovación 360º, compartindo contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial.
-Os días 18 e 19 de novembro falaremos sobre o papel da industria en diferentes sectores: aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde e economía circular.
-O día 20 de novembro celebrarase a xornada exclusiva de educación, na que se falará sobre a tecnoloxía, a innovación educativa e a inclusión.
-Por último nas xornadas abertas, os días 21 e 22 de novembro, haberá contido moi diverso relacionado coa robótica, ciencia, do it yourself, arte, música ou gaming entre outros.
Se es unha empresa de recente creación, un centro educativo, unha asociación ou un/unha maker, non esperes máis e presenta o teu proxecto! Desde hoxe e ata o 15 de outubro temos aberto o call for makers. 😉
Ofrece unha charla, un taller ou expón o teu proxecto e comparte coñecemento coa comunidade maker. Non te perdas o evento de innovación máis importante do ano!
A sexta edición da Maker Faire Galicia celébrase unha vez máis no Museo Gaiás, aínda que este ano de forma virtual, e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e APD.
Xogos educativos, libros para makers, kits de electrónica e ata un trofeo maker ou unha impresora 3D poden ser teus se participas nos nosos sorteos e concursos que terán lugar durante esta edición da Maker Faire Galicia.
A resolución dos concursos, os sorteos e a entrega de premios terá lugar o domingo ás 22:00 xunto coa entrega de premios ao/á mellor Maker da 5º edición da Maker Faire Galicia.
Un montón de premios estanche esperando. Moita sorte!