Un ano máis a Maker Faire Galicia pretende abordar todas as temáticas de interese para a comunidade maker, especialmente naqueles ámbitos máis novos. Por iso este ano temos o pracer de contar con NeuroTechX, unha organización sen ánimo de lucro que loita por facilitar o avance da neurotecnoloxía proporcionando recursos clave e oportunidades de aprendizaxe a través de iniciativas tecnolóxicas locais e mundiais.
Para desenvolver o seu proxecto parten de 3 alicerces básicos como son a comunidade, a educación e o desenvolvemento profesional. Consideran que para converterse nunha realidade práctica a neurotecnoloxía debe contar cunha comunidade de expertos, emprendedores e entusiastas neste ámbito, para iso actúan como facilitadores e conectores desta comunidade.
Doutra banda, sendo o seu obxectivo promover o avance da neurotecnoloxía, a educación é un recurso fundamental polo que NeuroTechX ofrece recursos accesibles e oportunidades de aprendizaxe para principiantes ou expertos.
Por último, encárganse tamén de xerar sinerxias entre os distintos proxectos de innovación e eventos neste ámbito, ao mesmo tempo que axudan á industria para atopar o talento que poida permitir o avance da neurotecnoloxía.
NeuroTechX xa conta con case 16.000 entusiastas da neurotecnoloxía en todo o mundo, que discuten sobre proxectos de neurociencia, tecnoloxía e DIY na súa comunidade. Na Maker Faire Galicia 2020 contaremos co co-fundador desta comunidade e Director Executivo, Yannick Roy. Ademais, este mesmo ano comezou a súa andaina o chapter de NeuroTechX en Galicia (NeuroTechGAL), que tamén estará connosco durante a feira. 😀