Se che gusta a experimentación con novos materiais non te perdas os obradoiros que levarán a cabo o equipo de Materiom, composto nesta ocasión por Zoe e Lara, que virán exclusivamente dende Londres e Barcelona respectivamente para compartir o seu coñecemento.

 

Materiom é unha plataforma dixital internacional que ten como obxectivo permitir que todos, en todas partes, poidan participar da próxima xeración de materiais. Formada por unha comunidade global, Materiom ten a misión de compartir o “Libro de Receitas da Natureza”: un amplo receitario de materiais que utiliza, en gran medida, ingredientes accesibles e naturais, como poden ser a remolacha, salvia, cúrcuma, algas ou grans de café usados.

A sinxeleza e accesibilidade das súas receitas permite que calquera persoa poida facer plásticos e compostos desde a súa propia cociña, FabLab ou Makerspace e os procese ao seu gusto e necesidade. A familiarización cos mesmos convida a descubrir as propiedades e posibilidades destes materiais, así como a potenciar o seu uso en novas aplicacións. A creatividade enfocada sobre os mesmos será unha fonte de xeración de novos deseños e produtos que formen parte dun sistema de economías circulares.

A súa misión é a de promover a creación, experimentación, divulgación e utilización de materiais nutritivos e non produtores de residuos. O seu equipo e comunidade de deseñadores, científicos, enxeñeiros e artistas desenvolven, proban e adaptan localmente as receitas. Apoiados por organizacións e fundacións como EllenMcArthur Foundation, IDEO e Atlas of the Future, Materiom visualiza un mundo no que os plásticos fornecen os sistemas de vida en lugar de esgotalos.

O equipo de Materiom ofreceranos dous obradoiros de 2 h de duración cada un, onde poderedes convertervos nuns auténticos makers dos materiais.

 

Galicia Maker Faire, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.