Formado por profesionais do sector tecnolóxico, consultoras, estudantes ou simplemente persoas interesadas na tecnoloxía, Galstech é un grupo de mulleres que ten como obxectivo a diversidade dentro da comunidade tecnolóxica galega.

 

GalsTech ofrecerá, dentro do programa da cuarta edición da Maker Faire Galicia, unha conferencia estruturada en 5 charlas impartidas por seis profesionais do sector. Abrirán o ciclo de charlas María Sáez e Verónica Pérez, consultora SEO líder e coordinadora de proxecto, respectivamente, para Bahía Software, que nos falarán sobre a importancia das comunidades tech. A seguinte será Jéssica Martínez, desenvolvedora de software junior, que explicará HTML e CSS. Ana Cidre, developer advocate para Ultimate Angular, continuará cunha charla sobre que é unha Google Developer Expert e como converterse nunha. Seguiralle Mercedes Rodríguez, especializada en ChatBots, e que falará sobre o programa Acciones en Google. Pechará o ciclo Esperanza González, prometedora desenvolvedora Front-End junior, que tratará o tema da programación funcional/declarativa en JavaScript.

As charlas Galstech serán unhas charlas abertas a todo o mundo, adecuadas tanto para un público principiante como para unha audiencia máis avanzada. O fomento polo respecto á diversidade e á inclusión son os valores básicos que defenden, uns valores que dende a Maker Faire Galicia tamén compartimos e apoiamos.

A súa páxina web: http://www.galstech.org/

Make Faire Galicia, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.