Formado por profesionais do sector tecnolóxico, consultoras, estudantes ou simplemente persoas interesadas na tecnoloxía, Galstech é un grupo de mulleres que ten como obxectivo a diversidade dentro da comunidade tecnolóxica galega.

 

GalsTech ofrecerá, dentro do programa da cuarta edición da Maker Faire Galicia, unha conferencia estruturada en 5 charlas impartidas por seis profesionais do sector. Abrirán o ciclo de charlas María Sáez e Verónica Pérez, consultora SEO líder e coordinadora de proxecto, respectivamente, para Bahía Software, que nos falarán sobre a importancia das comunidades tech. A seguinte será Jéssica Martínez, desenvolvedora de software junior, que explicará HTML e CSS. Ana Cidre, developer advocate para Ultimate Angular, continuará cunha charla sobre que é unha Google Developer Expert e como converterse nunha. Seguiralle Mercedes Rodríguez, especializada en ChatBots, e que falará sobre o programa Acciones en Google. Pechará o ciclo Esperanza González, prometedora desenvolvedora Front-End junior, que tratará o tema da programación funcional/declarativa en JavaScript.

As charlas Galstech serán unhas charlas abertas a todo o mundo, adecuadas tanto para un público principiante como para unha audiencia máis avanzada. O fomento polo respecto á diversidade e á inclusión son os valores básicos que defenden, uns valores que dende a Maker Faire Galicia tamén compartimos e apoiamos.

A súa páxina web: http://www.galstech.org/

Make Faire Galicia, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

NOS Open Space é unha iniciativa do NOS DAY en colaboración coa Maker Faire Galicia, e que ten como finalidade acercar un formato diferente á comunidade galega de startups.

 

Concibida como unha conferencia atípica onde non hai relatores, nin axenda, no NOS Open Space serán os propios asistentes os que teñan o control do evento, sendo os encargados de elixir os temas a tratar e as sesións a realizar mediante votación popular.

Tal e como explican na propia páxina web do NOS DAY: “ningunha das charlas será impartida por unha soa persoa, o que se busca é o debate interactivo entre persoas con distintos puntos de vista e experiencia en campos diferentes”. Un formato completamente libre que invita á participación aberta de todos aqueles que queiran aportar as súas experiencias, ideas e preguntas.

O NOS Open Space terá lugar o 24 de novembro, dentro do programa de actividades da Maker Faire Galicia. No seguinte enlace poderedes saber un pouco máis da proposta:

http://www.nosday.com/2018/10/08/nos-day-open-space/

 

Make Faire Galicia, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

Julián Caro Linares ofrecerá unha charla na Maker Faire Galicia na que explicará de forma amena como facer robots bioinspirados, o funcionamento do sistema nervioso dos animais e como imitar a estes utilizando FPGAs libres.

 

Graduado en Enxeñería en Electrónica e Automática pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente está terminando un Máster en Robótica que compaxina co seu traballo en R&D, prototipado e Robótica.

Traballou durante moitos anos no campo da robótica educativa, formando a profesores e alumnos da comunidade de Madrid en Arduino e impresión 3D, e tamén como profesor en cursos STEM para o profesorado na Universidade Internacional da Rioxa (UNIR). Ademais, é un dos autores dos libros de texto Programación de las cosas de Set Ventiuno, Santillana.

A súa tese de máster, centrada na integración de FPGAs de código aberto para robots bioinspirados, foi publicada na conferencia IEEE/RSJ International Conference on Intelligent Robots and Systems (IROS 2018). Apaixonado do movemento maker, a cultura libre e a integración da robótica na sociedade, chancea con que o seu soño é “crear un robot que queira acabar coa humanidade, sexa destruído no pasado, e volva do futuro reprogramado para salvala.”

 

 

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

David Aguilar ofrecerá unha charla na cuarta edición da Maker Faire Galicia 

 

David naceu cunha malformación no brazo, e grazas ao seu enxeño, e con apenas nove anos, comezou a construírse un brazo a partir de pezas básicas de Lego misturadas con pezas doutros xoguetes robóticos e unhas pinzas.

A súa paixón por Lego e o seu afán de superación lévano, con 18 anos de idade, a construír o seu primeiro brazo articulado completo a partir dun helicóptero de xoguete da súa marca favorita. “Cando movo o brazo a man ábrese e péchase, o que me permite coller obxectos lixeiros e tamén flexionalo”, explica. O brazo foi bautizado como o MK1, ao que máis tarde lle seguiría o MK2, construído a partir das pezas dun avión Lego. O MK2 é un modelo máis avanzado que inclúe unha batería que lle permite automatizar movementos e a carga de obxectos máis pesados. Dende fai tan só unhas semanas, xa conta cunha versión nova do brazo, o MK3, feito a partir dunha grúa Lego de máis de 4.000 pezas. Un modelo moito máis evolucionado que o anterior.

David Aguilar foi nomeado embaixador do Grao de Bioenxeñería da Universidade Internacional de Cataluña (UIC) e foille outorgado recentemente en París a medalla de prata da Liga Universal do Ben Público polos seus servizos á humanidade.

Durante a súa presentación na Maker Faire Galicia poderemos coñecer a historia persoal de David, ademais de amosarnos o funcionamento das próteses que desenvolveu.

 

 

 

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

José Luís Cordeiro, enxeñeiro do MIT e coautor da obra “La muerte de la muerte” ofrecerá unha charla na cuarta edición da Maker Faire Galicia.

 

Coñecido mundialmente polas súas ideas transhumanistas, José Cordeiro, enxeñeiro do prestixioso Massachusetts Institute of Technology (MIT), asegura que os avances da ciencia e da tecnoloxía van permitir non só deter o envellecemento, se non rexuvenecer ás persoas se así o desexan. “A morte será opcional en 3 décadas” afirma.

No 2016 recibiu o premio á Excelencia Sanitaria pola promoción e divulgación dos avances na lonxevidade e extensión de vida. É membro da Academia Mundial de Arte e Ciencia; e, ademais, foi profesor fundador da Singularity University, unha organización creada por Google e a Nasa para estudar cuestións como a evolución da intelixencia artificial e tecnoloxías disruptivas como a criopreservación.

Sen dúbida, unha das charlas máis controvertidas desta edición da Maker Faire Galicia.

 

 

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

O deseñador francés Gael Langevin, coñecido por ser o creador do primeiro robot humanoide de código aberto, estará este ano na Maker Faire Galicia! 

 

Gael Langevin é un escultor e deseñador francés que traballa para as marcas máis importantes do mundo dende hai máis de 25 anos. InMoov, o seu proxecto persoal, iniciouse en xaneiro de 2012 como a primeira man protésica de código aberto, liderando proxectos como Bionico, E-Nable e moitos outros.

InMoov é o primeiro robot de tamaño real impreso en código aberto en 3D. Replicable en calquera impresora 3D doméstica cunha área de 12x12x12cm, está concibido como unha plataforma de desenvolvemento para Universidades, Laboratorios, aficionados, pero ante todo para Makers.

O seu concepto, baseado no intercambio e a comunidade, outórgalle o honor de ser reproducido para innumerables proxectos en todo o mundo.

Gael Langevin ven de confirmar a súa asistencia para a 4ª Edición da Maker Faire Galicia, onde teremos a oportunidade única de coñecer en primeira persoa a InMoov.

 

Fotos e vídeo de Gael Langevin / InMoov Raphaël Creton

 

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

Onte tivo lugar a presentación oficial da cuarta edición da Maker Faire Galicia, que este ano volve, por segunda vez consecutiva, ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, os dias 23, 24 e 25 de novembro.

 

Para esta edición de 2018, repetimos a fórmula do ano pasado, tendo lugar o venres unha xornada enfocada exclusivamente ao sector profesional da industria 4.0 e Movemento Maker. A fin de semana, o sábado 24 e o domingo 25, manterase para o público xeral, cunha programación para tódolos públicos que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas mais actividades programadas e que buscan sorprender ao visitante.

Nesta nova edición volvemos apostar tamén pola internacionalidade do evento, con poñentes e expositores de referencia, entre os que destacamos como primeiro confirmado o deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, creador do primeiro robot humanoide de código aberto.

Dende hoxe está dispoñible o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral.

Para a xornada profesional faremos unha selección de 10 proxectos finais, dándolle prioridade aos proxectos makers que poidan aplicarse directamente á industria 4.0, ofrecendo solucións ou complementando a ese sector. Os makers poderán expoñer os seus proxectos e facer contactos con posibles inversores ou partners. Ademais, un xurado profesional elixirá as tres máis innovadores segundo o seu criterio. 1000€, 500€ e 250€ son os premios que se outorgarán para o primeiro, segundo e terceiro posto respectivamente, mais un trofeo acreditativo.

Para a xornada do fin de semana poden anotarse proxectos de tódalas disciplinas (ciencia, robótica, gastronomía. mecánica, electrónica, arte urbana, música, artesanía, educación, etc). A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Durante o evento, ademais, o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados para a fin de semana. As categorías premiadas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc).

O prazo remata o 15 de outubro. Apúntate xa!

 

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

Se queres ver a conferencia que Richard Stallman ofreceu na pasada edición da Maker Faire Galicia, pulsa sobre a imaxe.

Penúltima charla da Maker Faire Galicia 2017. Desta volta a cargo de Borja Díaz (Tamén coñecido como Borja the Creator) e co tema do emprendemento Do It Yourself.

Todo o que queiras saber da arte fractal da man de Fernando Porto Mato, con máis de 15 anos de experiencia neste ámbito.

« Páxina anteriorPáxina seguinte »