A táboa periódica foi presentada en 1869 por Dimitri Mendeléive, un químico que creou este sistema de ordenación de elementos. Este ano cúmprese o 150 aniversario da súa orixe, razón pola cal as Nacións Unidas declararon o 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica.

Para conmemorar este evento os mozos e mozas de UDCbigbang, gañadores do segundo premio na categoría de divulgación científica do ano pasado, asistirán tamén este ano á Maker Faire Galicia, non só como expositores e divulgadores científicos, senón tamén cunha charla interactiva onde mostrarán a súa táboa periódica xigante e farannos gozar un pouco máis da química 🙂

UDC Big Bang é unha asociación de alumnos e alumnas da Universidade da Coruña que se creou en 2014. Con ela pretenden achegar a ciencia a todos os públicos dunha forma sinxela e amena. Entre o seu equipo atópanse estudantes de bioloxía, química e outras ciencias que durante a feira levarán a cabo diferentes experimentos cos que ensinarán aos asistentes como funciona o mundo no que vivimos.

A Maker Faire Galicia é unha experiencia en si mesma… expositores locais, nacionais e de calquera parte do mundo, proxectos de temáticas moi diversas (desde artesanía ou música a impresión 3D, robótica ou ciencia!), charlas, talleres para todas as idades, espectáculos de drons, shows musicais, concursos… unha oferta moi variada!

Pero vivir a Maker Faire Galicia desde dentro é unha experiencia única e inesquecible, e se non o crees… que llo pregunten aos voluntarios e voluntarias que repiten ano tras ano 😀

Adaptaremos as tarefas á túa dispoñibilidade horaria e necesidades, cadraremos os grupos para que entre todos poidamos darnos apoio, gozaremos da comida xuntos (e gratis!) e darémosvos unha camiseta oficial da Maker Faire Galicia para ser recoñecidos como membros da organización 🙂

Non deixes escapar a oportunidade de pertencer ao equipo da Maker Faire Galicia e achegar o teu gran de area para conseguir que un ano máis este evento sexa todo un éxito 😀

Inscríbete enchendo este formulario, o prazo termina o 28 de xuño!

Que é para ti un argalleiro?

Isto é o que vos preguntabamos hai unhas semanas nas nosas redes sociais. Segundo o dicionario un argalleiro ou unha argalleira é unha persoa que fai cousas por diversión, que conta mentiras ou que fai cousas de pouco valor.

Pero para nós unha persoa argalleira é moito máis. Por iso animabámosvos a escribir unha nova definición para propoñerlla á Real Academia Galega.

Recibimos unas cantas definicións e de todas elas seleccionamos as tres máis completas. Agora só queda que vós as valoredes e mediante as enquisas que propoñeremos no noso Facebook, o noso Twitter e tamén en Instagram nos digades cal vos gusta máis.

Argalleiro/a:

1-Que ten a capacidade de crear unha cousa ou proceso novo ou dunha forma diferente á habitual.

2-Que é capaz de crear solucións a problemas complexos con poucos recursos.

3-Que é altamente creativo e ten facilidade para solucionar problemas e compartir coñecemento

 

Aquela que reciba máis votos será a que propoñeremos á Real Academia Galega a través dunha petición formal. Anímate a participar! 😀

Esta edición da Maker Faire Galicia será máis “argalleira” que nunca.

Galicia sempre foi territorio de grandes argalleiros e argalleiras. Por iso este ano queremos realizar unha homenaxe á Galicia máis rural.

Unha das novidades desta edición é a zona do Galiñeiro, un espazo ambientado como tal, onde se realizarán actividades moi interesantes. Ademais do obradoiro onde poderás construír o teu robot para participar na xa coñecida Hebocon poderás fabricar a túa propia Pitabot.

Constrúe a túa Pitabot e participa no concurso máis chick do ano!

Usando material reciclado e compoñentes electrónicos básicos, plumas, cartolinas ou cartóns crea a túa Pitabot, un robot “galiña” en homenaxe ao rural galego. Ademais poderás participar no Concurso+chick ou velas convertidas en artistas musicais no espectáculo Live Pitas! Pitas! Pitas! de Marta Verde e Juanma Lodo que se celebrará durante o evento.

Non te quedes coas ganas e ven a crear a túa Pitabot!

Como xa ven sendo habitual nos últimos anos, xunto coas xornadas abertas da Maker Faire Galicia, levamos a cabo unhas xornadas dirixidas exclusivamente ao público profesional. O principal obxectivo é dar a coñecer ó mundo da empresa todo o potencial que ofrece o ecosistema maker no desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas así coma potenciar a aparición de sinerxias entre estas dúas comunidades. A gran diferenza con respecto a edicións anteriores, é que este ano ditas xornadas pasarán de 1 a 3 días de duración, dando lugar á Semana Maker e da Industria 4.0. Esta semana articularase arredor de diferentes ámbitos que resultan clave tanto no presente coma no futuro da industria e celebraranse no edificio CINC da Cidade da Cultura.

O público que acuda a estas xornadas atoparase con multitude de empresas expositoras así coma makers que participarán na xa habitual competición de proxectos e que compartirán o seu coñecemento con todos os asistentes.

Comezaremos o mércores 3 de xullo cunha xornada articulada arredor da enerxía, a mobilidade e a intelixencia artificial. Á mesma acudirán expertos nestas temáticas que coordinarán as mesas de debate como Beatriz García (xornalista especializada de La Voz de Galicia), David Artés (coordinador en Diariomotor) ou Amparo Alonso (presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial). Nestas mesas destaca a presenza de empresas de referencia coma Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Indra entre outras.

A segunda xornada será o xoves 4, a cal abordará temáticas coma a robótica, a ciberseguridade e o Open Data. Para a mesma destaca a presenza de empresas coma KUKA, Siemens, NEC ou Balidea así como expertos como José Ignacio Armesto (profesor do Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática da UVigo), Pilar Vila (CEO DFTools Forensic-security) ou María Cerviño (Consultora Xurídica en NOLEGALTECH) os cales conducirán as mesas.

Para pechar estas xornadas profesionais, o venres 5 de xullo contaremos cun programa que nos axudará a visualizar esa conexión entre o mundo maker e a industria 4.0 así como as oportunidades que esta conexión pode ofrecer a ambos. Para isto contaremos con relatores de referencia a nivel internacional coma Justin Berger (IKEA) ou Mariano Silveyra (Cabify) os cales abrirán a xornada. A continuación será a quenda da competición de proxectos dos makers, a cal abrirá Bruno Noya, 2º clasificado na edición anterior das xornadas profesionais, que virá a presentar o seu proxecto xa posto no mercado. Tras Bruno, os tres makers finalistas desta edición realizarán o pitch de presentación dos seus proxectos.

Despois dos makers será o turno para a mesa da industria 4.0 onde empresas galegas de recoñecido prestixio coma Finsa, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space nos falarán da súa traxectoria e de como pasaron do garaxe ó mercado.

E por último contaremos cunha mesa que estará moderada por José Iglesias (Techstars e Startup Galicia) na que participarán as aceleradoras de Telefónica, Airbus, F. Iniciativas e Cuatrecasas, as cales nos falarán das oportunidades que ven no ecosistema maker e de todo o que poden aportar ós proxectos para poder desenvolvelos e poñelos no mercado.

As xornadas profesionais pecharanse coa entrega de premios ós mellores proxectos dos makers e cun xantar networking no que se poderá intercambiar opinións con todos os relatores e asistentes.

Se queres realizar a inscrición nalgunha destas xornadas visita a páxina de APD.

Xornadas organizadas en colaboración con APD, a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Círculo Financiero de Galicia (CFG) e se enmarcan dentro do Proyecto Capacita Directivos.

Ayúdame3D é unha asociación que nace do encontro entre as novas tecnoloxías e as ganas de conseguir un mundo mellor.

 

Todo empezou fai dous anos cando Guillermo Martínez, un mozo de Madrid, fixo un voluntariado nun orfanato de Kabarnet, Kenia. Na súa maleta Guille levou cinco brazos fabricados coa súa impresora 3D para doalos aos nenos e nenas que os necesitaran.

A partir de entón, gustoulle tanto a idea que decidiu seguir co proxecto e, tras moito esforzo, naceu a asociación Ayúdame 3D, para así poder chegar máis lonxe e axudar a máis persoas. En pouco tempo entregaron máis de 100 brazos en 12 países de todo o mundo.

Guille estará nas xornadas abertas da 5ª edición da Maker Faire Galicia para contarnos persoalmente a súa aventura e para que coñezamos mellor o proxecto. Ademais ofrecerá unha serie de obradoiros onde os participantes poderán montar Trésdesis para despois envialas a persoas que as necesiten.

Bruno Moya, o mozo de 16 anos de Santpedor que nos deixou a todos coa boca aberta na edición anterior, volve para presentarnos o seu dispositivo de realidade mixta Glassear máis evolucionado e preparado para saír ao mercado.

 

Ademais de conseguir numerosos blue ribbons por parte da organización, o seu proxecto quedou en segunda posición na competición dentro das xornadas profesionais, sendo o maker máis novo da historia da Maker Faire Galicia en estar entre os 3 mellores proxectos.

Pois ben, 8 meses despois, Bruno volverá á Maker Faire Galicia a presentar o produto evolucionado e preparado para saír ao mercado, cun prezo 100 veces inferior ao da competencia!

En palabras do propio Bruno: ¨Glassear é o primeiro dispositivo de experiencias de Realidade Mixta en primeira persoa a tempo real de baixo custo. Trátase dun dispositivo que democratiza o uso da Realidade Mixta para que calquera usuario poida gozar das vantaxes e a experiencia que esta ofrece, do mesmo xeito que no seu momento as Google Carboard serviron para achegar a todo tipo de usuarios á Realidade Virtual¨

Este ano teremos a sorte de contar con el durante toda a Semana Maker e da industria 4.0, participando como relator tanto na xornada profesional do venres 5 como nas xornadas abertas.

Bruno personaliza o espírito da Semana Maker e da industria 4.0, ensinándonos a todos como os perfís maker poden achegar un gran valor no mundo empresarial, democratizando a tecnoloxía e competindo con xigantes a nivel mundial como Microsoft ou Google.

Esta carismática avoa de Badajoz, de 75 anos, empezou fai dous a utilizar a impresora 3D para confeccionar novas pezas para o seu belén.

 

Ao coñecer a Sole decátaste de que non é unha avoa como as demais. Encántalle pasar tempo cos seus netos, cociñar, ler e pintar, ademais forma parte da asociación de belenistas de Badajoz. Pero Sole ten unha afección pouco común entre as persoas da súa idade: encántalle a tecnoloxía e ten unha impresora 3D coa que modela e imprime pezas para o seu belén.

Soledad é un claro exemplo de que calquera pode ser maker, de que nunca é tarde para aprender e facer uso das novas tecnoloxías. A nós gústanos dicir que un maker é un/a argalleiro/a, unha persoa curiosa, creativa, con motivación para aprender novas cousas e á que lle gusta buscar e alcanzar novos retos. E nesa definición encaixa perfectamente, Sole é ARGALLEIRA, así en maiúsculas.

Por iso estamos encantados de comunicar que Sole participará na 5ª edición da Maker Faire Galicia onde ofrecerá unha charla na que nos contará máis sobre como empezou no mundo da impresión 3D e demostrará que todos podemos ser argalleiros/as.

Tras o gran éxito conseguido na primeira Hebocon da Maker Faire Galicia este ano propoñémonos celebrar a maior Hebocon de España. Apúntaste?

Se é a primeira vez que oes falar dunha Hebocon e te preguntas que é, poderiamos definila brevemente como unha competición de robots absurdos. Pero catro palabras quedan curtas para definir todo o que é.

A  Hebocon xurdiu en Xapón en 2014. De feito o termo Hebocon vén da palabra xaponesa Heboi, que se utiliza para definir algo que tecnicamente ten algún problema ou é de baixa calidade. É por ese motivo que os robots están feitos xeralmente con materiais de refugallo e electrónica moi básica.

Tras o gran éxito conseguido coa Hebocon que celebramos o ano pasado na Maker Faire Galicia, este ano repetimos con moitísima máis forza. Luís Díaz, Julián Caro  e Agustín Flowalistik serán novamente os encargados de dirixir esta competición que promete ser unha bomba.

O interesante da Hebocon é que calquera, mesmo sen ter ningún coñecemento técnico, pode participar, o que o converte nunha actividade perfecta para achegar a tecnoloxía a todo tipo de públicos, desde os máis pequenos aos maiores. 😉

Durante as dúas xornadas de portas abertas, participantes de todas as idades, sós, en grupo ou en familia, poderán crear o seu robot para despois participar na competición de Robots de taller que se celebrará ao final de cada xornada.

Do mesmo xeito que o ano pasado os que queiran traer o seu robot fabricado de casa poderán inscribirse previamente, competindo na categoría Robots de casa, que terá lugar durante a Maker Faire Galicia e, finalmente, o domingo pola tarde, realizarase o gran combate final entre as dúas categorías.

Non o penses máis e anímate a participar na Hebocon, consulta as regras aquí se vas construír o teu robot en casa e prepárate para gozar. A diversión está asegurada! 😀

Este ano na Maker Faire Galicia volvemos incidir na importancia do movemento Maker para o crecemento da Industria 4.0, programando, dentro da Xornada Profesional do venres 23 de novembro, un espazo para que os makers con proxectos dun maior grao de innovación poidan dar a coñecer os seus proxectos.

 

Dez proxectos finalistas que estarán expostos ao público durante toda a Xornada Profesional e que ademais serán presentados no escenario principal mediante a fórmula coñecida como “elevator pitch”, que fai referencia á habilidade de condensar unha mensaxe para conseguir chamar a atención de alguén en poucos segundos ou minutos, emulando o tempo que terías de presentarlle o teu proxecto ou idea nunha viaxe en ascensor a un posible inversor.

Os/as makers seleccionados/as terán 5 minutos exactos de tempo dispoñible, 3 para a presentación e 2 para preguntas por parte dos membros do xurado. O obxectivo é conseguir despertar a curiosidade do público especializado que acode á xornada e do que poden xurdir oportunidades futuras. Dito xurado de expertos, presidido por Inés Lusquiños, responsable de comunicación de Startup Galicia, valorará os proxectos elixindo os tres mellores, os cales serán premiados cun trofeo acreditativo e premios de 1000€, 500€ e 250 €.

Aquí vos deixamos a lista dos 10 proxectos finalistas:

 

Galicia Maker Faire, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

« Páxina anteriorPáxina seguinte »