Se hai algo que caracteriza ás Maker Faire é poñer en valor a democratización da innovación e a fabricación dixital. Este ano, debido á situación derivada do Covid-19, a Maker Faire Galicia tivo que innovar máis aínda para transformar un evento físico, polo que pasaron máis de 50.000 visitantes nas últimas 5 edicións, a un formato 100% dixital que permita vivir a mesma experiencia pero dun modo totalmente diferente.
Para conseguir este ambicioso obxectivo tiñamos claro que a barreira de entrada tecnolóxica para os usuarios debería ser nula ou, polo menos, minimizala o máximo posible e, ademais, queriamos conseguir unha interacción participativa dos usuarios da feira. Así foi como concibimos esta nova plataforma da Maker Faire Galicia. Esta plataforma, á que se accede de forma totalmente gratuíta mediante rexistro, funciona de modo similar a Google Street View.
Os asistentes poderán circular polo Museo Gaiás, contemplar as casetas dos proxectos e ademais facer preguntas en directo aos/as makers, participar en talleres ou asistir a charlas e mesas redondas con referentes a nivel nacional e internacional, tal e como xa vos anunciamos en anteriores post. Para esta interacción será necesario que os usuarios dispoñan dunha conta de Zoom.
O concepto de plataforma articúlase a través de fotografías 3D do espazo, sobre el xéranse unha serie de capas gráficas coas que os usuarios poderán interactuar. De forma complementaria desenvolvemos unha navegación alternativa máis convencional para que sexa totalmente accesible. Así, a Maker Faire Galicia pasa de ser unha feira de escala fundamentalmente europea a situarse nunha escala global, conectando a makers, educadores e organizacións de todo o mundo.
A última novidade é que esta feira, a diferenza doutros anos, non será efémera, xa que unha vez finalice o evento poderase seguir gozando durante todo o ano, cos contidos accesibles na plataforma e coa incorporación de novos contidos a partir dos intereses da comunidade.
Se aínda non vos rexistrastes na plataforma non esquezades facelo para poder gozar desta edición tan especial que se levará a cabo do 18 ao 22 de novembro de 2020.