Esta carismática avoa de Badajoz, de 75 anos, empezou fai dous a utilizar a impresora 3D para confeccionar novas pezas para o seu belén.

 

Ao coñecer a Sole decátaste de que non é unha avoa como as demais. Encántalle pasar tempo cos seus netos, cociñar, ler e pintar, ademais forma parte da asociación de belenistas de Badajoz. Pero Sole ten unha afección pouco común entre as persoas da súa idade: encántalle a tecnoloxía e ten unha impresora 3D coa que modela e imprime pezas para o seu belén.

Soledad é un claro exemplo de que calquera pode ser maker, de que nunca é tarde para aprender e facer uso das novas tecnoloxías. A nós gústanos dicir que un maker é un/a argalleiro/a, unha persoa curiosa, creativa, con motivación para aprender novas cousas e á que lle gusta buscar e alcanzar novos retos. E nesa definición encaixa perfectamente, Sole é ARGALLEIRA, así en maiúsculas.

Por iso estamos encantados de comunicar que Sole participará na 5ª edición da Maker Faire Galicia onde ofrecerá unha charla na que nos contará máis sobre como empezou no mundo da impresión 3D e demostrará que todos podemos ser argalleiros/as.