Julián Caro Linares ofrecerá unha charla na Maker Faire Galicia na que explicará de forma amena como facer robots bioinspirados, o funcionamento do sistema nervioso dos animais e como imitar a estes utilizando FPGAs libres.

 

Graduado en Enxeñería en Electrónica e Automática pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente está terminando un Máster en Robótica que compaxina co seu traballo en R&D, prototipado e Robótica.

Traballou durante moitos anos no campo da robótica educativa, formando a profesores e alumnos da comunidade de Madrid en Arduino e impresión 3D, e tamén como profesor en cursos STEM para o profesorado na Universidade Internacional da Rioxa (UNIR). Ademais, é un dos autores dos libros de texto Programación de las cosas de Set Ventiuno, Santillana.

A súa tese de máster, centrada na integración de FPGAs de código aberto para robots bioinspirados, foi publicada na conferencia IEEE/RSJ International Conference on Intelligent Robots and Systems (IROS 2018). Apaixonado do movemento maker, a cultura libre e a integración da robótica na sociedade, chancea con que o seu soño é “crear un robot que queira acabar coa humanidade, sexa destruído no pasado, e volva do futuro reprogramado para salvala.”

 

 

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.