Richard Stallman é unha das figuras máis significativas do movemento do software libre a nivel mundial, coñecido por ter creado en 1983 o sistema operativo GNU, actualmente parte de GNU/Linux, a primeira alternativa aos principais sistemas operativos propietarios: Windows e MacOS. Ten sido recoñecido con numerosos premios, entre os que destacan o premio Grace Hopper Award que entrega a Association for Computing Machinery por Emacs, tamén foi nomeado doutor honoris causa por varias universidades de todo o mundo e forma parte do Salón da Fama de Internet. Coa creación do sistema operativo GNU, sentou as bases do movemento do software libre, onde todo o mundo é libre de copiar ou distribuír o sistema, así como realizar cambios de maior ou menor magnitude. Actualmente o sistema GNU/Linux é utilizado por decenas de millóns de ordenadores. A través da súa fundación Free Software Foundation, Stallman busca concienciar á sociedade, e especialmente aos gobernos, para que utilicen o software libre tanto nas institucións como nas escolas públicas.
A charla de Richard Stallman será un dos pratos fortes desta terceira edición da Galicia Maker Faire, que ademais contará con numerosas actividades de divulgación e entretemento orientadas a tódolos públicos e disciplinas: obradoiros de innovación e creatividade, campionatos de drons, robótica, actuacións interactivas e moito máis.
Podes ver e descargar a súa charla aquí.