Como xa ven sendo habitual nos últimos anos, xunto coas xornadas abertas da Maker Faire Galicia, levamos a cabo unhas xornadas dirixidas exclusivamente ao público profesional. O principal obxectivo é dar a coñecer ó mundo da empresa todo o potencial que ofrece o ecosistema maker no desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas así coma potenciar a aparición de sinerxias entre estas dúas comunidades. A gran diferenza con respecto a edicións anteriores, é que este ano ditas xornadas pasarán de 1 a 3 días de duración, dando lugar á Semana Maker e da Industria 4.0. Esta semana articularase arredor de diferentes ámbitos que resultan clave tanto no presente coma no futuro da industria e celebraranse no edificio CINC da Cidade da Cultura.

O público que acuda a estas xornadas atoparase con multitude de empresas expositoras así coma makers que participarán na xa habitual competición de proxectos e que compartirán o seu coñecemento con todos os asistentes.

Comezaremos o mércores 3 de xullo cunha xornada articulada arredor da enerxía, a mobilidade e a intelixencia artificial. Á mesma acudirán expertos nestas temáticas que coordinarán as mesas de debate como Beatriz García (xornalista especializada de La Voz de Galicia), David Artés (coordinador en Diariomotor) ou Amparo Alonso (presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial). Nestas mesas destaca a presenza de empresas de referencia coma Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Indra entre outras.

A segunda xornada será o xoves 4, a cal abordará temáticas coma a robótica, a ciberseguridade e o Open Data. Para a mesma destaca a presenza de empresas coma KUKA, Siemens, NEC ou Balidea así como expertos como José Ignacio Armesto (profesor do Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática da UVigo), Pilar Vila (CEO DFTools Forensic-security) ou María Cerviño (Consultora Xurídica en NOLEGALTECH) os cales conducirán as mesas.

Para pechar estas xornadas profesionais, o venres 5 de xullo contaremos cun programa que nos axudará a visualizar esa conexión entre o mundo maker e a industria 4.0 así como as oportunidades que esta conexión pode ofrecer a ambos. Para isto contaremos con relatores de referencia a nivel internacional coma Justin Berger (IKEA) ou Mariano Silveyra (Cabify) os cales abrirán a xornada. A continuación será a quenda da competición de proxectos dos makers, a cal abrirá Bruno Noya, 2º clasificado na edición anterior das xornadas profesionais, que virá a presentar o seu proxecto xa posto no mercado. Tras Bruno, os tres makers finalistas desta edición realizarán o pitch de presentación dos seus proxectos.

Despois dos makers será o turno para a mesa da industria 4.0 onde empresas galegas de recoñecido prestixio coma Finsa, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space nos falarán da súa traxectoria e de como pasaron do garaxe ó mercado.

E por último contaremos cunha mesa que estará moderada por José Iglesias (Techstars e Startup Galicia) na que participarán as aceleradoras de Telefónica, Airbus, F. Iniciativas e Cuatrecasas, as cales nos falarán das oportunidades que ven no ecosistema maker e de todo o que poden aportar ós proxectos para poder desenvolvelos e poñelos no mercado.

As xornadas profesionais pecharanse coa entrega de premios ós mellores proxectos dos makers e cun xantar networking no que se poderá intercambiar opinións con todos os relatores e asistentes.

Se queres realizar a inscrición nalgunha destas xornadas visita a páxina de APD.

Xornadas organizadas en colaboración con APD, a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Círculo Financiero de Galicia (CFG) e se enmarcan dentro do Proyecto Capacita Directivos.