Onte tivo lugar a presentación oficial da cuarta edición da Maker Faire Galicia, que este ano volve, por segunda vez consecutiva, ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, os dias 23, 24 e 25 de novembro.

 

Para esta edición de 2018, repetimos a fórmula do ano pasado, tendo lugar o venres unha xornada enfocada exclusivamente ao sector profesional da industria 4.0 e Movemento Maker. A fin de semana, o sábado 24 e o domingo 25, manterase para o público xeral, cunha programación para tódolos públicos que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas mais actividades programadas e que buscan sorprender ao visitante.

Nesta nova edición volvemos apostar tamén pola internacionalidade do evento, con poñentes e expositores de referencia, entre os que destacamos como primeiro confirmado o deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, creador do primeiro robot humanoide de código aberto.

Dende hoxe está dispoñible o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral.

Para a xornada profesional faremos unha selección de 10 proxectos finais, dándolle prioridade aos proxectos makers que poidan aplicarse directamente á industria 4.0, ofrecendo solucións ou complementando a ese sector. Os makers poderán expoñer os seus proxectos e facer contactos con posibles inversores ou partners. Ademais, un xurado profesional elixirá as tres máis innovadores segundo o seu criterio. 1000€, 500€ e 250€ son os premios que se outorgarán para o primeiro, segundo e terceiro posto respectivamente, mais un trofeo acreditativo.

Para a xornada do fin de semana poden anotarse proxectos de tódalas disciplinas (ciencia, robótica, gastronomía. mecánica, electrónica, arte urbana, música, artesanía, educación, etc). A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Durante o evento, ademais, o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados para a fin de semana. As categorías premiadas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc).

O prazo remata o 15 de outubro. Apúntate xa!

 

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.