24, 25 e 26 de novembro son as datas elixidas para a terceira edición da Galicia Maker Faire, que este ano terá lugar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

Para esta edición de 2017, ademais do cambio de localización, o evento suma un día máis de programación, o venres 24 de novembro, que estará enfocado ao sector profesional, favorecendo que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo. A fin de semana do 25 e 26 manterase para o público xeral.

Este ano o evento celebra a súa terceira edición consolidándose como a máis importante da península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París.

Durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers expuxeron os seus proxectos, converténdose no punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa.

Como obxectivo diste ano a feira busca dar o salto internacional, para o que contarán con relatores e expositores de referencia a nivel mundial, con participantes chegados dos Estados Unidos ou de Reino Unido entre outros, dándolle unha visibilidade maior ao evento e que esperan repercuta en novas oportunidades de negocio para as empresas e makers participantes.

Coa divulgación dos proxectos a través do Movemento Maker, a Galicia Maker Faire busca que medre a inquietude por innovar, xerando un punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as distintas xeracións.