24, 25 e 26 de novembro son as datas elixidas para a terceira edición da Galicia Maker Faire, que este ano vai ter lugar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

A Maker Faire é a maior feira de inventores do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc. Un lugar para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.

Este ano o evento celebra a súa terceira edición consolidándose como a máis importante da península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París.

Durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa.

Para esta edición de 2017, ademais do cambio de localización, o evento suma un día máis de programación, o venres 24 de novembro, que estará enfocado ao sector profesional, favorecendo que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo. A fin de semana do 25 e 26 manterase para o público xeral.

Como obxectivo deste ano a feira busca dar o salto internacional, para o que contarán con poñentes e expositores de referencia a nivel mundial tendo participantes chegados dos Estados Unidos ou do Reino Unido entre outros, dándolle unha visibilidade maior ao evento e que esperan repercuta en novas oportunidades de negocio para as empresas e makers participantes.

Coa divulgación dos proxectos a través do Movemento Maker, a Galicia Maker Faire busca que medre a inquietude por innovar, xerando un punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as distintas xeracións.