Foi inabarcable a pasada edición da Maker Faire en Compostela. Áreas científicas, técnicas, artísticas, profesionais, experimentais, colaborativas, educativas, empresariais todas representan unha festa da innovación. Os 183 proxectos conquistaron aos asistentes e moi en especial ao público infantil.

A posta en escena dos mozos de Scienceffect, da Universidade de Santiago foi total. Enfundados nas súas batas brancas mostraron as súas investigacións cun entusiasmo contaxioso. Mostraron tres áreas de acción: investigación científica, contacto con organismos científicos internacionais e divulgación, como era o caso. investigaron sobre o efecto das ondas ERS non ionizantes de 2,4gH sobre as lentellas, o cal dá moitas pistas sobre o seu posible efecto nos nosos corpo. Tamén presentaron investigacións como é a do T.P.E.C, no que se estudan as posibles aplicacións das células dendríticas respecto da prevención e tratamento de enfermidades infecciosas. A súa idea é preparar vacinas a futuro contra o HIV e o cancro.

SpainLabs mostrouse como o gran foro científico en liña maker de España cuns 4000 usuarios e case medio millón de visitas mensuais nese momento. Os seus usuarios están en España, Estados Unidos, Francia, Brasil, UK e por Latinoamérica con importante participación de Arxentina e Colombia. A idea é traballar a robótica, impresión 3D, fresadoras CNC, máquinas de control numérico, radio control (drons, robótica) e compra venda de pezas de intercambio, o internet das cousas, arduino, raspberry e láser CNC. “Todo este mundo, -din-, fará que desaparezan moitos traballos, pero tamén farán que aparezan moitos outros, só hai que reinventarse”.A Universidade de Vigo demostrando que o futuro xa está aquí. O uso dos drons sorprende cada vez máis con múltiples e variadas aplicacións. Na Uvigo, hai anos xurdiu unha spin off de xeotecnoloxía aplicada e que se adiantaba ás necesidades de conservación de enerxía, prioritario para a humanidade. Applied Geotechnologies Research Group (AG) é agora esa empresa. Aportaron diversas tecnoloxías para a optimización da calor, a luz, e o frío nos edificios. Entre as súas ferramentas desenvolvementos como LiDAR, GNSS, Ground Penetrating Radar, IR Thermography, Unmanned vehicles, GIS-3D, BIM, Computer Vision, Vision metrology, Numerical Modelling. Con elas pódese, por exemplo, usar drons para estudar o consumo enerxético das casas e as perdas detectadas desde fóra por espectro de calor exterior. Tamén anuncian que as medicións de edificios pronto serán pasado. Os drons fan o traballo.

Éxito de público e diversión con Hypercube, circuítos e experiencias que achegan unha formidable e antiga tecnoloxía a todos, dotando ao gran público dos medios necesarios para elaborar os seus propios instrumentos musicais modulares analóxicos. Estes instrumentos, en forma de cubos -ou non!-, poden conectarse entre si sen necesidade de cables, o que proporciona ao intérprete unha gran liberdade para construír a súa propia música mentres improvisa.

Microsoft tamén estivo e demostrou como aínda co sistema operativo propietario, participa en GibHub en iniciativas abertas e de software libre que permite por exemplo, a construción de pequenas plantas meteorolóxicos para sitios con necesidades específicas, previr pequenos danos en equipos ou seguimiento de pacientes na casa.

As innovacións chegaron tamén da man de varios IES que crearon montañas rusas en madeira, molinos de vento en miniatura e ata unha pantalla táctil con led infravermello, dixital e interactiva feita con materiais totalmente caseiros do IES Ramón Otero Pedrayo. Xurdiu mentres xogaban coa videoconsola e meditaban sobre o uso dos dous puntinos infravermellos do equipo.

Un super stand foi o protagonizado por BricoLabs, Escornabot, os seus drons e robots chegados desde Coruña deron conta dunha potente comunidade curiosa e cun gran desenvolvemento de retos construtivos. Foi un stand que convocou un elevado número de visitantes interesados polos aparellos conseguidos nos seus talleres e capaces de facer unha gran cantidade de funcionalidades. Iso sen falar da sala de proxeccións 3D que permitía ver reprodución de obxectos e persoas en tempo real con holografía. O espazo congregou a gran cantidade de usuarios interesados en ver a Obi Wan Kenobi nunha reprodución virtual.

Sorprendente o conseguido por Lupeón no campo da impresión 3D, un mundo de posibilidades para o traballo de prototipado de proxectos, antes costosísimos pola necesidade de facer o molde dos novos proxectos, un traballo que veu alixeirar a impresión de tres dimensións facilitando o testeo e marketing de novos produtos, solucións en medicina, etc.

Tamén estiveron os estudantes da UVIGO, facendo as delicias dos mozos con coches feitos en tetrabrik por circuítos, os enxeñeiros de obras públicas permitindo ao público aprender a facer formigón, a fotografía estenopeica e analóxica, os robots de Neukos. En fin tantos que só podemos invitar a reencontrarse con moitos deles na próxima Galicia Maker Faire, no Pazo de Congresos os días 1 e 2 de outubro.

Autora: @eudelcastillo

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *